Opinión

Que muda co medre do BNG

Como xa sinalaba nun artigo anterior encol do tema, a maior parte das enquisas reflicten como tendencias dominantes, nas eleccións galegas do 12 de xullo, unha maioría do PP e un ascenso do BNG, a costa do retroceso de UP+EU+Anova (Galicia en Común). A esta altura quedan dous interrogantes importantes, un deles é se o BNG non termina desprazado ao PSOE da segunda praza, e polo tanto de exercer como cabeceira da oposición institucional. Non sería a primeira vez o nacionalismo fose cabeceira da oposición, foino nas eleccións de 1997 (BNG 18 deputados/as e o PSOE 15); e nas do ano 2001 houbo un empate a 17 deputados/as aínda que o nacionalismo conseguiu máis votos. 

Outra das incógnitas, que dependerá en boa medida da redución da abstención, sería que o PP non fose quen de obter os 38 deputados/as necesario pra maioría. Porén todo indica que neste caso a abstención mesmo pode aumentar como consecuencia da pandemia, dos atrancos que isto implique pra exercer o voto e dos temores que podan existir nunha parte da povoación. Teñamos en consideración que as porcentaxes máis altas de persoas que se absteñen danse entre a mocidade e a clase obreira (unha tendencia común en todos os estados da contorna). 

Agora ben, mesmo que os resultados non variasen moito do que anticipan as enquisas a esta altura, o forte ascenso do BNG terá unha gran relevancia na sociedade galega, malia que afecte directamente só ás forzas e simpatizantes do soberanismo. Refírome a que no ámbito institucional, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo, o benega acadaría un grao de representación que concentraría nesta forza a referencialidade do debate político, tendo en consideración o dinamismo e iniciativa do nacionalismo na Galiza. Ademais, este crecemento nas autonómicas deberíase trasladar no futuro aos concellos, eleccións estatais e europeas, como xa aconteceu con anterioridade. Tampouco se pode ignorar que este fortalecemento institucional axuda a dinamizar a mobilización laboral e social, con todo o que isto implica, mesmo respecto de alentar a loita no eido das ideas, especialmente das cuestións estratéxicas (proxecto, da folla de ruta, das tarefas...). 

Asemade, non se pode obviar, que existindo méritos propios por parte do BNG pra este ascenso electoral, tamén se lle suman os erros daquelas forzas que eran as súas directas competidoras e que no seu día aproveitaron as divisións internas da fronte e a fractura no ano 2012. Nesta ocasión son Galicia en Común+Podemos as que deixan atrás unha unha lexislatura ateigada de conflitos internos, que levaron a que un sector se presente nesta oportunidade con lista propia (En Marea), parte da militancia se apartase e algúns/as estean apoiando ao BNG. Aínda que Galicia en Común+Podemos sexa quen de formar grupo parlamentar, o retroceso que prevén as enquisas é tan grande que implica unha caída da que é moi difícil que se recupere, máxime cando moitas das diverxencias non están superadas.  

Do proceso vivido na esquerda quedan ensinanzas, sobre as que cómpre reflexionar. Por exemplo, ficou evidente que o actual contexto non permitía reproducir a Fronte Popular previa ao levantamento fascista contra a Segunda República, e tampouco era un atallo pra o soberanismo galego. Asi o amosaron estes catro anos as forzas que a integraban a alianza na Galiza xa que foron incapaces de poñer en práctica unha alternativa propia, seguiron acotío as iniciativas elaboradas por Madrid, tanto por parte das forzas de ámbito estatal como as de ámbito galego. A crise interna xurdiu en boa medida por esta dinámica, que contradicía na práctica a asunción do dereito de autodeterminación, e consolidaba o carácter subalterno da “confluencia” galega respecto de Unidas Podemos.

Te puede interesar