Opinión

Mundializar: que, canto e como

O comercio adquiriu dimensión internacional hai moitos séculos, polo tanto cando se cuestiona a globalización non se trataría de limitar as relacións ao marco da bisbarra e a nación. Trátase de dar unha resposta superadora, que garanta a produción a nivel local, nacional galego e no noroeste da península de bens esenciais, o que ademais contribuiría a unha distribución xusta do emprego e da renda. A globalización neoliberal impide que así sexa. Ao que se suma que a globalización expande os efectos negativos das pandemias, desastres naturais, guerras interminábeis, e as cadeas de produción e consumo máis longas. 

Neste intre está presente en todos e todas, e non se debería esquecer polo que implica no ámbito estratéxico, as disputas que houbo entre países ao principio da pandemia pola falta de subministros sanitarios, mesmo entre governos seica aliados. Nomeadamente pola carencia de respiradores, mascaras, etc. Confrontacións que amosan até que punto a globalización máis que un beneficio pra sociedade é sobre todo un negocio pra unhas poucas corporacións pra optimizar o lucro mediante a produción de escala. Polo tanto non se trata tanto de rexeitar todo comercio co exterior como de que este teña un papel subordinado e/ou complementario. Esta opción ademais vese apoiada pola necesidade de reducir a mobilidade, evitar o amoreamento urbano, equilibrar a relación coa contorna rural, utilizar enerxías renovábeis e bens bio-degradabeis, etc. 

Neste intre existe un forte enfrontamento entre as vellas potencias (Estados Unidos e aliados) e aquelas que están en ascenso (especialmente China e Rusia, porén tamén India, Turquía...) pra manter as regras de xogo actuais, supeditadas á hexemonía de Washington, ou pra consolidar outras que garantan un reparto máis amplo da riqueza e do poder. Ningún destes bloques e sub-bloques cuestiona na práctica a globalización neoliberal, malia que no interno pódalle dar un papel central ao sector público (como no caso de China). Tampouco quere limitar a globalización Trump, aínda que impoña sancións ao comercio exterior con determinados países e seica busque a repatriación de capitais e tropas, polo que no concreto mantén máis bases e militares que nunca no exterior. Neste caso todo indica que se trata máis de desprazar e/ou repatriar empresas norteamericanas (e de estados aliados) situadas en países pouco fiábeis pra evitar ser superado por China, que illarse no marco nacional. Se esta última fose a intención este proceso estaría acompañado por un movemento semellante no plano militar. Esta é a razón pola que entre republicanos e demócratas non existen diverxencias de fondo no tema, pra alén do tipo de mensaxe e da folla de ruta. 

Daquela que, pra alén de certas reformas, como primar a utilización de renovábeis e un menor consumo enerxético, no esencial os pasos que se están a dar, mesmo no ámbito da dixitalización, buscan consolidar a globalización neoliberal e a economía de escala. Por este motivo son tan laxas e lentas as medidas fiscais e pra regular as relacións laborais das grandes compañías dixitais. É lóxico que sexa así, porque un modelo alternativo, que prime as economías autocentradas e sustentábeis, o público no ámbito estratéxico, cuestiona a centralización e concentración do poder e da riqueza, ou sexa, o papel das potencias, das grandes corporacións e fortunas. Porén, o problema de fondo é que este modelo non só está cuestionado pola desfeita ecolóxica e os virus incontrolábeis, senón porque: a desigualdade entre nacións e entre clases non deixa de medrar. Un aumento das contradicións que mingua a base de sustentación social do sistema, e empurra os cambios sistémicos. Polo que, o debate de modelos, a mobilización, a organización, a hexemonía política, será decisivo.

Te puede interesar