Opinión

Un mundo dividido en bloques

Rusia e Iran anunciaron a pasada semana que deixaran de usar o dólar nos intercambios comerciais, utilizando as súas moedas nacionais ou se fose necesario o euro. China farao de vagar, xa que ten un comercio importante cos Estados Unidos, tamén está a facer o propio, mercando cada vez menos débeda do seu principal socio e adversario máis significativo. 

Malia que a globalización teceu relacións comerciais e financeiras que esmagaron as fronteiras, en beneficio mais das corporacións e grandes potencias que das persoas, semella que se está a avanzar cara un mundo dividido en bloques. Aínda que neste caso as diferencias de modelo económico e ideolóxicas sexan cativas. 

Chegamos a esta situación porque Washington non atopa outro xeito, militar e económico, de subordinar a China e Rusia, e a outras potencias rexionais como Iran. Algo que en troques conseguiu facer sen moito esforzo co grupo de Lima e a Unión Europea. A incógnita é India, que se mantén no medio, polo que pra alén das súas eivas internas, esta actitude axúdalle pra manter neste intre o medre do PIB a un ritmo superior ao China. 

Polo tanto, o que está a suceder en Siria, Afganistán ou Venezuela hai que entendelo dentro desta confrontación, non se poden analizar como conflitos locais, e moito menos como intervencións pra garantir a democracia. Lembremos o apoio que Washington aos talibans, ou os nexos de Israel co Estado Islámico e a Fronte Al Nusra. A cuestión de fondo é que China converteuse nun socio prioritario de América Latina, a África subsahariana e Asia do leste, competindo directamente cos interese de Estados Unidos e a Unión Europea. Ademais Pequín está realizando nestas áreas grandes investimentos en infraestruturas, con condicións máis beneficiosas que as que ofrecen os bancos internacionais controlados polas potencias occidentais. 

Sei que hai quen pensa que unha ruptura deste tipo é imposíbel no marco da globalización e dos avances das comunicacións, e a que a ninguén lle interesa. Porén a tecnoloxía tamén resulta efectiva pra manipular a información e controlar ás persoas, como ten denunciado teimosamente wikileaks, e o futuro non está predeterminado. Daquela, un mundo dividido en bloques é un escenario posíbel, malia que non sexa a opción prioritaria pola que apostan as partes en conflito, e dentro delas existan tantas diverxencias sobre a táctica e estratexia a seguir. Aínda así, non se pode desbotar un mundo divido en bloques (que non ten porque reproducir a Guerra Fría), utilizando como única opción a lóxica economicista. Máxime cando as outras dúas alternativas, un reparto equitativo da riqueza e do poder ou unha solución militar (con guerra atómica incluída), non forman parte en principio da folla de ruta do imperialismo hexemónico, que ademais é quen ten a iniciativa nesta conxuntura. 

Neste contexto, quedarse coa parte máis grande da torta, excluíndo ás potencias emerxentes, á espera de esgotalas como se fixo no seu día coa Unión Soviética, é unha estratexia que ten sentido. Evidentemente viría acompañada dunha maior explotación de clase e opresión nacional. Este é o único xeito de que esta opción sexa pra o capital o mal menor, porque aseguraría un medre da taxa de acumulación das corporación e grandes fortunas, e permitiríalle manter a governabilidade coa complicidade das clases medias acomodadas, aínda cun maior recorte dos dereitos democráticos. Restricións en dereitos de manifestación e folga están cada día máis estendidos na Unión Europea. Francia está a punto de aprobar unha lei máis dura pra castigar a protesta social. Un modelo regresivo de dereitos e deberes, coa escusa da violencia social, pra facer viábeis sociedades máis desiguais, fragmentadas, e precarias. Claro que, todo dependerá da resposta popular. 

Te puede interesar