Opinión

Novas eleccións xerais?

Non se debería dar por descartado que se convoquen novas eleccións xerais. A un futuro escenario deste tipo corresponden as sucesivas tácticas que utilizou nos últimos meses o PSOE. Incidiron nesta lectura os resultados das municipais e autonómicas, tanto porque garanten que o bloque da dereita governe cidades de tanto simbolismo como Madrid, como polo retroceso de Podemos que é o aliado natural. Daquela que, co argumento de non depender do independentismo, o PSOE puxo o foco en Ciudadanos e na súas contradicións, pola alianza coa estrema dereita, coa intención de forzalo a se abster na votación á presidencia. 

Foi unha táctica que non podía dar resultado, pra este partido o esencial é a loita polo poder, polo que foi virando cara a dereita que é onde se lle abriu espazo electoral. Mais isto xa o sabía o PSOE, polo que realmente o que procuraba é gañar parte do electorado de Ciudadanos, evidenciando que as prioridades de Rivera non poñían por adiante os “intereses de España”. 

Neste intre ficamos na segunda fase, na que o PSOE necesita do apoio dos partidos progresistas e a abstención do independentismo. O primeiro non é doado e non chega. Coalición Canaria rexeita apoiar unha coalición PSOE-Podemos, e MasNavarra ofrece seus votos a cambio de governar a autonomía, un mercádeo que rexeita o PNV. Polo tanto a chave da Presidencia está na abstención do independentismo catalán e vasco (ERC, JxCat, Bildu), co que non quere pactar. Ademais, o PSOE tomou a iniciativa pra evitar que o independentismo aceda ás alcaldías en cidades significativas, como é o caso de Barcelona. 

A abstención do soberanísmo non é algo doado, máxime cando o xuízo contra os presos independentistas cataláns está na fase de ditar sentencia. Lembremos que levan máis dun ano en cadea preventiva e todo indica que as condenas van ser moi duras, quérese que sirvan de escarmento ao independentismo, malia que se diga que todas as ideas teñen cabida na Constitución. A acusación de rebelión carece do máis mínimo argumento, xa que en ningún momento se utilizou a violencia, e a declaración de independencia non pasou de ser simbólica. Eu non confiaría moito nunha rectificación da UE que obrigue a cambiar unha sentencia deste tipo. En fin, esta cuestión non é algo menor, e a condena agravará a confrontación social e política, aumentando a fenda entre o Estado español e Cataluña. A vía represiva nunca deu resultado, a non ser transitoriamente.

Tendo en consideración este contexto que o tensa todo, ao que se lle engade o que está a suceder na constitución do governo pra Barcelona, as declaracións de ERC despois da reunión con Adriana Lastra (do PSOE) amosan que este partido abandonou a actitude defensiva. Semella que ERC está a asumir unha estratexia coa que pretende conquistar unha maioría clara do soberanísmo, evitando que todo estea condicionado polos presos e a declaración inmediata da independencia. Se fose así, Pedro Sánchez governará e poderá facer nos vindeiros anos xeometría variábel, á súa esquerda e dereita. Teremos cambios sociais e territoriais máis simbólicos que reais. Que sexa así ou non dependerá máis da mobilización social que das institucións. Un cambio que tamén pode dar folgos ao soberanísmo catalán, vasco, galego...

De se a convocar novas eleccións todo indica que o PSOE obterá mellores resultados, xa que escenificou habilmente que se viu forzado a facelo por mor dos egoísmos e polo radicalismo utópico dos grupos da oposición, malia e ser a forza máis votada e a distancia da segunda. A esta altura é difícil saber cal será a solución definitiva. Porén todo fai pensar que desta volta a iniciativa, por vez primeira dende o referendo do 1-O está tamén en mans do soberanísmo das nacionalidades históricas. As demais forzas teñen moitas ataduras. 

Te puede interesar