Un novo paradigma chinés?

Un novo paradigma chinés?

Que fará China nos vindeiros anos? Esta é sen dúbida a pregunta do millón. Máxime cando no último congreso do Partido Comunista Chinés aprobáronse medidas que implican unha política máis social e ecolóxica. De ser así, resultaría un avance significativo, tanto a nivel interno como polo que representa China no eido internacional. E tería consecuencias a medio prazo no medio ambiente e respecto dun reparto máis xusto do traballo e da riqueza. China é hoxe a maior economía do mundo (co PIB medido en capacidade de merca), xa que Estados Unidos ficou relegado a un segundo posto. E aínda que o seu comercio exterior é moi semellante, a diferencia está en que China ten un importante superávit comercial de 471 mil millóns (en 2016), e os Estados Unidos un déficit de 720 mil millóns. Ao que hai que engadir as grandes reservas de divisas de China, en contraposición á inmensa débeda norteamericana, e o recuar do dólar como moeda de referencia. 

Ate a presidencia de Trump, ao comparar ambas potencias, había que lle sumar a Washington seus socios estratéxicos, especialmente a Unión Europea e Xapón. Mais co triunfo da fracción do capital que representa, coa súa consigna de “Estados Unidos primeiro”, Washington está a tomar medidas que prexudican os intereses das corporacións europeas, por exemplo, na cuestión enerxética. De vagar, vaise abrindo unha fenda, que os intereses militares comúns non poden pechar. Ademais, a UE nunca deu superado todas as súas contradicións internas. E tanto o Brexit como as duras imposicións norteamericanas afondan nos intereses diverxentes. Daquela que, aínda sendo os Estados Unidos a maior potencia militar, e a dominante no eido financeiro, nas comunicacións e cultura de masas, e nalgúns ámbitos da economía produtiva, todo amosa que o tempo xoga na súa contra. Será deste xeito, aínda que neste intre, Trump gañe tempo e puntos axitando a intervención militar (directa e indirecta), as sancións e as ameazas. 

Asemade, malia toda a propaganda que pon como escusa a competencia cos baixos salarios dos traballadores/as chineses, especialmente na industria que é a que produce bens de exportación, xa no ano 2016, os salarios neste sector eran nese país superiores aos de México, Brasil, Colombia e Tailandia, e estaban ao mesmo nivel que Portugal e Grecia. Concretamente dende o ano 2005 ao 2016 os salarios aumentaron de 1,5 dólares a 3,3 dólares hora. Un medre acompañado dun crecemento da produtividade, polo que se considera que en dous anos, a industria china representará un 20% da actividade mundial. O argumento exclusivo dos baixos salarios a respecto de China carece xa de valor. As vantaxes son unha suma de factores. 

Dado que unha parte importante da economía chinesa ten carácter público, e o resto está baixo un ríxido control do Estado, as decisións que este tome teñen moitas posibilidades de se poñer en práctica. En troques, nos países plenamente capitalistas o sector privado ten un poder ilimitado, que impide un reparto xusto do traballo e da riqueza. De existir vontade política, China ten poder para aplicar medidas a prol dun desenvolvemento equilibrado entre o mundo rural e urbano, a costa e o interior, así como pra mellorar salarios, sanidade, educación, prestacións sociais e vivenda, converténdoas na punta de lanza das necesidades obxectivas de xustiza e solidariedade. Tampouco se pode obviar, que esta mesma capacidade de intervención pódese utilizar nas novas rutas da seda, nos grandes investimentos en África, ou nas relacións comerciais con América Latina, Asia e Europa. A incógnita, que só pode resolver o tempo, é: levarase a cabo? Este novo imperio terá unha características distintas dos que xa coñecemos? En principio, xa é evidente que multiplica os polos de poder no mundo. E iso non é pouca cousa.