Opinión

O México da constitución máis avanzada

Ovindeiro 20 de novembro cúmprense 110 anos da proclamación de Francisco Madero convocando ao povo mexicano a se erguer en armas contra o ditador Porfirio Díaz, que governaba dende había 34 anos. O levantamento fracasou, mais algúns grupos de campesiños e obreiros rurais armados, sen conexión co partido de Madero, iniciaron a loita armada nas provincias do norte, dirixidos por figuras como Francisco Villa e Pascual Orozco, e axiña sucedería o propio no sur do país, onde destacou Emiliano Zapata. Polo que esta proclama considerase o inicio da longa e cruenta loita revolucionaria que transformou México. Lembremos algúns dos feitos máis relevantes.

Durante os governos de Porfirio Díaz a povoación medrou de 9 a 15 millóns, e creceu a produción industrial e as exportacións. Porén, a maior ritmo aumentou a desigualdade e a pobreza, e unha parte importante da actividade económica estaba en mans norteamericanas. Ademais, milleiros de universitarios estaban no desemprego, os mestres mal pagos, e a terra concentrada nunhas poucas familias nun país eminentemente rural. 

Díaz derrotado asinou o “Tratado de Ciudad Juárez”, o 21 de maio de 1911, polo que dimitiu e partiu ao exilio. Nas eleccións de outubro triunfou Francisco Madero que daría prioridade aos aspectos democráticos, deixando nun segundo plano o reparto das terras, dando folgos á revolta campesiña. En distintos puntos do país, sen acordo previo, pequenos grupos armados de indios e peóns ocuparon terras de facendas nas que sementaron baixo a protección dos seus fusiles. A reacción de Madero contra estas ocupacións derivou no enfrontamento armado con Zapata en Morelos, e con Orozco en Chihuahua. Desta época é o “Plan de Ayala”, no que se reflicten os obxectivos do zapatismo, e que serviría de referencia ao movemento agrario no futuro. 

A insurrección militar de febreiro de 1913 contra Madero dun sector do exército, que procuraba o retorno aos tempos de Porfirio Díaz, conseguiu finalmente o seu obxectivo, por mor da intervención do embaixador estadounidense e a complicidade de Vitoriano Huerta, que comandaba as tropas que debía sufocar o golpe. Este terminou asumindo a presidencia. Madero e o vicepresidente Pino Suárez serían asasinados. Moitos governadores apoiaron ao novo presidente, tamén se lle suma Orozco. Oponse Vestustiano Carranza, governador de Cohauila, de clase media acomodada, que funda o chamado Movemento Constitucionalista. 

Comeza a etapa máis coñecida da loita revolucionaria en México. No estado de Morelos, Zapata reorganiza súas forzas dándolle o carácter de Xunta Revolucionaria, e Francisco Villa crea en Chihuahua a famosa “División del Norte”, que tanta importancia tivo no triunfo militar, pola súa banda Obregón consolida posicións en Sonora e na costa do Pacifico norte. Non falta a inxerencia externa: a principios de 1914 os norteamericanos ocupan Veracruz con 23.000 homes. No mes de agosto Álvaro Obregón toma México e Carranza entra na cidade como Primeiro Xefe do Exército Constitucionalista. 

Derrotado Huerta agroman as diferencias de clase entre os vencedores. Por unha banda están Zapata e Villa, representando as arelas de peóns, campesiños sen terra e indios, e pola outra Carranza e Obregón como expresións das clases medias (entre eles había matices encol do tema agrario e social). Os combates durarían anos, con altos e baixos, até que Zapata é asasinado en 1919 e Villa en 1923, aínda que os últimos combates relevantes déronse no 1918. Mais, pra alén dos atrancos do proceso revolucionario, o esencial é que, como afirma o historiador mexicano Jesús Silva Hergoz: a Constitución do 5 de febreiro de 1917 foi a máis avanzada do mundo naquel momento (previo á Revolución Rusa). Claro que daquela Estados Unidos tampouco era a potencia hexemónica.

Te puede interesar