Opinión

Oito de marzo

Apoucos días de que se realice no noso País a folga de mulleres convocada por unha morea de organizacións feministas e sindicais, e outras forzas sensíbeis coa loita a prol da igualdade, coincidindo co Día Internacional da Muller Traballadora, quero lembrar as orixes desta data reivindicativa. Todo indica que se optou  polo 8 de marzo xa que ese día celebrouse no ano 1908 nos Estados Unidos manifestacións coa participación de milleiros de mulleres e homes, protestando polo traballo de menores, pedindo mellores condicións laborais, e dereito ao voto. 

A celebración cun carácter internacional do Día da Muller Traballadora sería instituído na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, realizada no ano 1910 en Copenhague, Dinamarca, a proposta Clara Zetkin feminista e membro da esquerda do Partido Socialdemócrata alemá. Optouse polo 8 de marzo como recoñecemento a iniciativa que sobre o tema tomaran con anterioridade as mulleres nos Estados Unidos. Dando cumprimento ao acordo, no ano 1911 en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza realizáronse mitins aos que asistiron un millón de mulleres e homes, aínda que se celebraron o 19 de marzo. Sería  no ano 1914 cando se comezou a celebrar o 8 de marzo, asumindo a data determinada pola Conferencia. 

A traxedia dun incendio que causou a morte de 123 obreiras e 23 obreiros, nunha fabrica téxtil en Nova Iorque, provocada porque as portas de saída foron atrancadas polos patróns, coa escusa de evitar o roubo de mercadorías, sumáronse máis argumentos pra facer do 8 de marzo unha data reivindicativa, centrada nas condicións laborais das mulleres e outros aspectos do trato desigual. Porén, neste aspecto, como en moitos outros, foi a Revolución Rusa a que consolidou definitivamente a data, xa que o 8 de marzo converteuse nun festivo nacional, por iniciativa de Alexandra Kollontai. Lembremos que foi elixida Comisaria do Povo (ministra) pra Asistencia Pública, e que seus esforzos a prol dos dereitos da muller foron notábeis. 

Coa Revolución Rusa alcanzouse a igualdade política, económica e sexual entre mulleres e homes e, deste xeito, puxéronse as bases pra igualdade real entre xéneros. As mulleres tiñan pleno dereito de voto, o matrimonio estabeleceuse como unha relación voluntaria, eliminouse a distinción entre nenos lexítimos e ilexítimos, os dereitos a garderías, igualouse as condicións laborais das mulleres coas dos homes; as mulleres recibían o mesmo salario e un salario de maternidade universal. 

Desexo que a folga e as mobilizacións do 8 de marzo teñan éxito. Aínda que non entendo ben porque se exclúe aos homes dunha acción reivindicativa xusta que necesita do máximo apoio. Resulta evidente que, malia que vivimos nunha sociedade machista e paternalista, superar este sistema tamén beneficia aos homes, se o que se pretende é a igualdade. Non se pode obviar que a maioría son vítimas deste modelo de sociedade. E moitos dun xeito traumático: participación nas guerras e nos traballos máis penosos, tóxicos e perigosos, e como consecuencia un alto porcentaxe de mortos e eivados, menor idade media de vida, e ser ampla maioría entre as persoas sen teito. Ademais, a cuestión das clases sociais non desapareceu. 

A mobilización a prol da igualdade, e contra a violencia de xénero, é un freo á pretensión da estrema dereita de volver ao pasado, na lexislación e eliminando medidas especificas. Sería unha desfeita, máxime cando hai cuestións pendentes. Por exemplo, que os contratos a tempo parcial atinxan sobre todo ás mulleres, polo coidado de menores ou persoas dependentes, e por traballar en sectores precarizados e cunha mínima presenza sindical. A baixa representatividade feminina é  evidente nos cargos de dirección da empresa privada. Son problemas de todas e todos.

Te puede interesar