Opinión

A pandemia é unha cuestión sistémica

Como a solución máxica da vacina adiase, o covid-19 deixa en evidencia as eivas do capitalismo, os aspectos destrutivos desta etapa neoliberal (desigualdade, desfeita do ecosistema, violencia...). Daquela que, malia os inmensos avances científico técnicos, resulte tan difícil facerlle fronte a pandemia, xa que están rotos equilibrios fundamentais. Por esta razón, e pra evitar ir ao fondo dun problema que atinxe temas como o reparto da riqueza e do poder, dende o capital adícaselle toda a  responsabilidade aos dirixentes das institucións que xestionan esta situación excepcional, sexan de dereita ou de esquerda. 

A división existente na cúpula do sistema reflicte súa incapacidade pra dar unha resposta axeitada á pandemia, e polo temor de que deixe en evidencia a crise de modelo: económico, social, de modo de vida. Mesmo hai quen, como solución máxica, pide que a xestión política sexa valorada, non polo povo a través do voto, senón por comités científicos ou o poder xudicial, como se uns e outros puidesen aportar solucións xerais, e máis axeitadas pra todos os ámbitos da actividade humana afectada. Como se o problema de fondo non fose sistémico. E as veces tamén de xestión, como ignoralo, e non castigalo nas urnas, e xudicialmente se hai neglixencia ou apropiación de recursos. 

Valorar esta pandemia como conxuntural e especificamente sanitaria sería un erro, xa que todo apuntaría a un remedio circunstancial, a vacina, ignorando ás razóns de fondo que dan folgos a este tipo de fenómenos. Rachouse o equilibrio entre o ser humano e a natureza: densidade demográfica, amoreamento urbano, mobilidade estrema, enerxías contaminantes, lixo non degradabel, desfeita da natureza, cambio climático, etc. A vacina pode atallar a expansión do covid-19 e seus efectos, porén non evita que xurda outro virus reiniciándose o ciclo dunha nova pandemia e unha crise económica e social. É verdade que estariamos máis preparados, porén o virus podería ser máis letal. Axudaría pra neutralizalo mellorar a sanidade, as residencias de dependentes, contar con laboratorios avanzados e que o circuítos económicos fosen autocentrados e sostíbeis. 

Agora ben, estas medidas sendo positivas non atacan o problema de fondo: recuperar o equilibrio coa natureza, e iso implica un novo modelo económico e social e unha modificación nos hábitos das persoas. E facer estas valoracións e propoñer estas decisións vai máis alá das análises científicas e técnicas sobre a sanidade ou a economía, implica un debate a fondo sobre a evolución do ser humano, as distintas etapas que foi quen de superar, dos límites do mundo, e da preservación da humanidade e o seu futuro. Implica unha reflexión tan profunda como a da ilustración no século XVIII. Cómpre unha análise de conxunto, estratéxica, política, que sexa quen de recoller as contribucións sanitarias, ecolóxicas, económicas, culturais, sociais, etc. 

Non se trata de recuperar o que nos levou ao fracaso, senón de construír dende o existente un novo modelo económico e social que considere os límites demográficos, non obvie que a pandemia castiga especialmente ás clases populares, que a diversidade de culturas nacionais é unha riqueza da humanidade, que o equilibrio entre o urbano e rural é un avance na calidade de vida. Trátase de dar un salto cualitativo. E esta é unha cuestión que depende en gran medida do debate no ámbito intelectual, político e social, comezando polos partidos, sindicatos e asociacións de todo tipo. É verdade que hai partidos e persoas que no ámbito da política merecen ser criticadas e mesmo condenadas, porén tamén as hai que o entregan todo polo ben colectivo, a elas debese en gran medida os saltos cualitativos na historia da humanidade. Non demos dar pasos atrás neste aspecto, dando pulo á ditadura do diñeiro, dos tecnócratas, e das armas. 

Te puede interesar