Opinión

Papel subalterno de Galiza e saída de recursos

Son preocupantes as perspectivas da evolución económica da Unión Europea, e moi especialmente de Alemaña que durante décadas foi a locomotora. É relevante que afecte á industria que é unha actividade central na actividade económica. Entre os motivos desta crise está o aumento do prezo da enerxía e materias primas, tanto sexa pola guerra na Ucraína e as sancións a Rusia, como polos atrancos nas relacións comerciais con China. Unha estratexia coa que se pretende frear e reverter o avance das potencias emerxentes, e impedir a consolidación dun mundo multipolar. Porén os maiores custes desta folla de ruta son pra Unión Europea, que pretendía manter con esta estratexia intacto seu papel subimperialista, mais na práctica fortaleceu a súa dependencia militar e económica de USA. 

Agora ben, Alemaña non é o único país con problemas da UE, xa que aínda que o Estado español aproveita o tirón do sector turístico e as axudas do plan Next Generation, o certo é que a produción industrial caeu durante o ano pasado no -1,9%. Este retroceso foi moito maior na Galiza, do -2,9%. No noso país o emprego na industria pasou de 210.200 persoas en decembro de 2008 a 174.700 neses mesmo mes de 2023. Perdéronse nestes 15 anos 34.500 empregos!!! nunha actividade económica que ten un efecto multiplicador. 

A resposta da Xunta de Galiza pasa por manifestar preocupación pola situación cando xurde o tema, que menos podería facer, e afirmar que está a impulsar algúns proxectos relevantes, que poucas veces se cristalizan, ou son moi cuestionados pola povoación (como é o caso de Altri, os aeroxeradores mariños, etc.). O certo é que a actividade industrial que subsiste no país, a gran maioría, agás algunhas excepcións meritorias, amosan aspectos negativos en termos de futuro, entre os cales o máis importante é a súa dependencia de centros de decisións externos. Cada ano que pasa nas empresas máis dinámicas ten un papel máis importante o capital foráneo, ou sexa, vai en aumento o carácter subalterno que cumpre a nación galega. Como exemplo, o cativo investimento externo na Galiza, en contraposición coa saída de capital xerado no país. Dando pulo a un circulo vicioso que cómpre rachar pra crear emprego, aumentar salarios, dignificar as condicións laborais, así como e xerar condicións favorábeis ao medre da natalidade e terminar coa emigración forzada de gran parte da mocidade. 

Algúns datos clarificadores sobre o tema. Entre xaneiro e setembro de 2023 as empresas galegas investiron no exterior do Estado español (EE) 976 millóns de euros, e recibíronse 416 millóns. Malia que os ingresos foron menos da metade das saídas de capital considerase un éxito desde os círculos de poder. A escusa é que no 2022, nese mesmo período do ano, investiuse no exterior do EE 2.378 millóns e recibíronse 179 millóns. As diferencias entre ingresos e saídas son notábeis, e confirman un rol subordinado na cadea de valor, que hipoteca a actividade económica e a creación de emprego, e lastra as condicións laborais e os ingresos salariais. 

Repito, hai excepcións a esta tendencia dominante, en empresas e sectores, as que non se lles pode negar mérito, porén a tendencia hexemónica deixa en evidencia que a evolución da nación galega é a dunha economía secuestrada, que destaca por exportar man de obra cualificada e capital (por máis que o ignore o PP). Uns recursos que son esenciais pra o desenvolvemento. Un papel subalterno que se agrava neste período histórico tan complexo, xa que o reaxuste vaise facer máis unha vez a costa da periferia e en beneficio dos centros de poder político e económico, tanto na UE como no Estado español, (por exemplo de Madrid). Abonda con analizar o que sucedeu durante o auxe da globalización neoliberal.

Te puede interesar