Opinión

O paro ten máis dunha cara... todas dramáticas

Non é a primeira vez que leo ou escoito que o de-semprego ten o aspecto dunha muller e dunha persoa moza. E lóxico que se pense así, se temos en consideración a desigualdade salarial entre homes e mulleres, as dificultades da mocidade pra conseguir emprego, e o longo proceso histórico, cheo de atrancos, pra se incorporar a muller ao traballo remunerado, especialmente nos postos técnicos e de dirección. Ademais, a tendencia dominante do emprego ofertado nesta etapa é de contratos temporais e a tempo parcial, xornadas e ritmos de traballo extenuantes, e retribucións de miseria. Algo que o aumento da salario mínimo interprofesional só aliviou parcialmente e en determinados sectores. Son necesarias medidas máis efectivas.

Neste contexto laboral ten lóxica que emigre tanta mocidade, e que este sexa, xunto coa precariedade laboral, un dos atrancos pra formación das familias e manter a natalidade en valores positivos. Causa da caída demográfica e razón pola que Galiza perde peso na cadea de valor, xa que a exportación de man de obra cualificada sumase á fuxida do aforro, ao investimento no exterior e á repatriación de beneficios das empresas de capital foráneo. 

Os datos reflicten que o paro abrangue dun xeito moi semellante tanto a mulleres como homes de todas as idades. Segundo a EPA o paro no 1º trimestre deste ano atinxía na Galiza a 77.500 homes e 76.500 mulleres. Se consideramos como mocidade aos menores de 35 anos, temos en situación de desemprego a 27.200 homes e 22.700 mulleres por debaixo desa idade, ou sexa ao 35% e 29,7% respectivamente do total de cada xénero. Cos dados na man non semella que o desemprego atinxa dun xeito distinto a mulleres e homes, aínda que o xénero feminino ten unha maior presenza no paro de longa duración, con máis dun ano no desemprego: 27.300 homes e 32.600 mulleres.

Agora ben, onde realmente existe unha diferencia de paro salientábel é, entre a povoación de orixe galega e a inmigración residente de fóra do Estado español. Segundo dados de 2018, de 186.500 persoas desempregadas, 32.300 naceran fóra do Estado, un 17,2%, cando eran un 11% da povoación activa total do noso País. E dentro destes inmigrantes as mulleres representaban un 64% do paro. Polo tanto unha das caras do desemprego é o da muller inmigrante. 

A mocidade tampouco constitúe a maioría das persoas afectadas pola lacra do paro, nunca o foi, outra cuestión é que sexan unha porcentaxe importante nun tramo de idade que cumpre un papel na formación das familias e na natalidade, e que este aspecto sexa fundamental en termos de futuro. O diferencial que se dá, entre un número reducido en termos cuantitativos e a alta porcentaxe das persoas afectadas, responde a que moitas delas dedícanse exclusivamente a estudar, á baixa natalidade das últimas décadas e á emigración, que reduciu a povoación activa neste tramo de idade. 

Outro aspecto igual de dramático, esencialmente no aspecto cuantitativo, é o do colectivo que está formado polas persoas que teñen máis de 35 anos, que foron despedidas da empresa, e que en moitos casos soportan cargas familiares ou/e débedas hipotecarias. Estas, no mellor dos casos, contan cunha prestación por desemprego (só un 56,3%) e outro ingreso na familia. Mais non sempre é así, xa que as prestacións normalmente son baixas, teñen límites temporais e reducen progresivamente súa contía. Son moitas as familias con todos os membros en activo no paro (55.000), e ademais, a maior idade máis dificultade pra atopar emprego. 

O desemprego ten moitas caras, todas igual de tráxicas. Cómpre unha prestación económica ligada ao traballo social e formación profesional, que atinxa a todas as persoas desempregadas. Unha medida deste tipo afectaría positivamente as condicións laborais e o carácter das prestacións.

Te puede interesar