Opinión

Un paso adiante, colectivo e individual

Sendo verdade que os datos económicos do noso país son mellores que a media do Estado español (EE), tamén nos ingresos fiscais deste ano, será moi difícil que se poda subtraer das dinámicas estatais, dado o aumento nas últimas décadas do rol subalterno na cadea de valor tanto do EE como da Unión Europea (UE). O informe de setembro do Banco de España prevé que a recuperación do PIB a cifras anteriores á pandemia se adíe até finais de 2022 ou 2023, ou sexa son datos peores dos esperados, co que iso implica no emprego e déficit público. 

E aínda que nos escenarios previstos non figuren os “efectos positivos” das axudas e prestamos da UE, non se poden obviar os atrancos: novos gromos do covid-19; a necesidade de que a vacina chegue a todo o globo pra que a prevención sexa efectiva; e que as sancións e todo tipo de iniciativas agresivas por parte de Washington están dinamitando o comercio internacional e forzando a creación dun bloque de nacións feito á medida das súas corporacións e intereses estratéxicos. Ren fai pensar que Bruxelas sexa capaz de rachar con esta dinámica, xa que as súas propostas tamén están supeditadas ás corporacións e ao modelo neoliberal, polo que non se modificará no básico calquera que sexa o partido que gañe as vindeiras eleccións de Estados Unidos. 

En todo caso o sistema económico e social estaba esgotado mesmo sen que a pandemia tivese este efecto devastador, dado o grao da desfeita da natureza, como polo feito de que toda resolución da loita pola hexemonía pase pola confrontación. Unha tendencia que se fortalece porque a UE non é quen de propoñer en serio un proxecto equitativo e pacificador, e as nacións subalternas tampouco erguen unha terceira opción alternativa á globalización neoliberal, ou sexa, que cuestione a fondo a centralización e concentración da riqueza e do poder (sen que se lle albisque límite). Estes tamén son aspectos relevantes na loita contra esta e novas pandemias. Son antecedentes e sumas á ruptura do equilibrio entre a humanidade e a natureza, por mor dun sistema depredador, que se basea na desigualdade entre nacións, entre o mundo urbano e rural, entre as clases sociais, xénero, razas, etc. 

Estas eivas e atrancos, que teñen un carácter global, e expresións particulares en cada país, con ou sen estado propio, como Galiza, non se van solucionar con medidas parciais, como no enerxético e na dixitalización, e a menor utilización de envases non reciclábeis, aínda que estes sexan pasos no camiño correcto. Cómpren cambios de maior envergadura, que abrangan: a presión e equilibrio demográfico, a eliminación dos amoreamentos urbanos, a mobilidade excesiva (de transporte e persoas), a saturación do espazo exterior, o achegamento da produción ao consumo cando menos nos produtos e bens estratéxicos, etc. Temos que dar un salto cualitativo que non pode estar condicionado polos intereses das grandes empresas e das potencias, deber estar ao servizo da humanidade, das futuras xeracións. 

Non se trata polo tanto de poñer só o acento na reconstrución, xa que a vella realidade está superada pola situación obxectiva. É vital darlle un papel destacado aos cambios estratéxicos pra preservar e mellorar a vida dos seres humanos. E nesta tarefa non hai país pequeno nen contribución menor, tanto no aspecto colectivo como individual. Diría máis, que adiantarse nesta andaina axuda a reducir as dependencias que sufrimos hai séculos. Daquela que sexa, ademais dunha necesidade, o momento axeitado de termos un proxecto que desenvolva no esencial a escala de valor dentro de Galiza. Ou sexa, que apostemos por unha economía sustentábel e autocentrada, por un reparto socialmente xusto do traballo e da riqueza producida, por un paso adiante nos comportamentos colectivos e individuais. 

Te puede interesar