Opinión

As pensións no debate electoral

Coa proposta de Pedro Sánchez de aumentar as pensións pra 2020 na mesma porcentaxe que a inflación do último ano, sobre o 0,8%, o tema entrou no debate electoral da peor forma posíbel, xa que coloca o foco nun aspecto parcial e conxuntural, fuxindo máis unha vez do debate de fondo. Axuda a que sexa deste xeito o carácter oportunista da proposta, cun Governo en funcións e en plena campaña electoral, sen obviar que tería un efecto máis simbólico que efectivo xa que só supera en decimas o límite do 0,25% imposto pola regresiva reforma de Rajoy. Implicaría pra pensión media só 6 euros máis ao mes na Galiza. Unha miseria!

O tema necesita dun debate a fondo que garanta as pensións pras vindeiras décadas. Lembremos que no noso país en setembro había 766.086 pensionistas cun ingreso medio de 843 euros, fronte aos 993 euros de media no Estado español (EE). Se temos en consideración só ás persoas xubiladas, estas eran 479.116 cunha contía media de de 957 euros na Galiza fronte aos 1.140 no EE. Se temos en conta aquelas pensións que derivan directamente do traballo vemos que hai máis de dúas persoas ocupadas por cada unha xubilada, non é unha porcentaxe baixa. Non é así cando se engaden as pensións de viuvez e orfandade (e outras non contributivas), que  obedecen a criterios de protección social e solidariedade, e deberían ser atendidas a través dos orzamentos. 

Outro aspecto que non se pode obviar é que as pensións están directamente relacionadas cos ingresos actuais tanto das persoas asalariadas como das autónomas. Polo que a súa sustantabilidade e a contía das mesmas depende tanto da porcentaxe entre ocupadas/pensionistas como dos ingresos medios. E neste último aspecto non se pode ignorar que a crise utilizouse como un reaxuste no reparto dos ingresos entre clases sociais en prexuízo esencialmente da clase traballadora, malia que esta sexa máis preponderante que nunca antes na povoación ocupada. Contribuíu a isto o medre da explotación laboral, a deslocalización empresarial e de capitais, a masiva migración, a eliminación da ultra-actividade nos convenios, unha lexislación represiva contra a mobilización, e a precariedade. Neste último caso provocando que unha gran parte da clase traballadora non cumpra coas condicións necesarias pra se xubilar, quedándolle como única opción a unha pensión non contributiva. En resumo, condicións laborais e salarios dignos son fundamentais pras pensións actuais e futuras. 

Asemade, fanse trampas cando se di que faltan recursos, poñendo o acento no avellentamento da povoación, xa que estas forzas son as mesmas que utilizaron o Fondo de Reserva das pensións pra atender outros temas, e reduciron as cotizacións aos empresarios/as coa escusa de realizar novos contratos ou convertelos en fixos e pra alentar o aumento de autónomos/as. Uns 2.500 millóns de euros ano. Ademais no caso das persoas autónomas existe un diferencial negativo de 5.800 millóns entre ingresos e gastos, sobre o que ninguén coloca o foco. Tampouco se pode ignorar que existen diferencias na contía e nos anos de disfrute das pensións segundo xénero e profesión. Polo que manter o límite máximo á cotización non é solidario, nen xusto. Habería que eliminalo, xa que, por exemplo, a media de vida dun peón é dez anos inferior á dun medico. 

Calcúlase que as pensións baixaran un 15% na vindeira década coas políticas actuais. Para evitalo fan falla reformas de fondo, estruturais, e estas só son posíbeis apostando por un reparto máis xusto do traballo e da riqueza producida, e mecanismos de solidariedade. E, como primeiro paso, ademais de garantir a subida do IPC, tamén resulta lóxico que as pensións mínimas deben permitir vivir con dignidade. E por suposto, o salario mínimo interprofesional sempre debería ser máis alto. 

Te puede interesar