Opinión

Pensións, a primeira vitoria

A aprobación na Mesa do Pacto de Toledo, practicamente por unanimidade, de que as pensións se revaloricen dacordo co IPC real é un paso adiante importante respecto desta cuestión, aínda que non suficiente. Moitos medios recoñecían, como non podía ser doutro xeito, que esta era unha vitoria gañada a pulso polos pensionistas, consecuencia das mobilizacións masivas e continuas nos últimos anos. Na Galiza fixéronse ducias de manifestacións e concentracións en cidades e vilas (organizadas especialmente pola CIG, Modepen e CC.OO), aínda que cómpre recoñecer que foi en Euskadi onde as protestas reuniron unha maior participación. 

No acordo previo tamén se indica que se poderán utilizar outros baremos pra fixar outras melloras nas pensións, e que neste caso deberíase recorrer a partidas dos orzamentos do Estado. Agora ben, este texto non é definitivo, aínda que marca unha pauta, e non terá unha aplicación inmediata, mesmo que o Presidente do Governo xa manifestase súa conformidade, xa que debe pasar pola pola Comisión Tripartita e polo Parlamento. Queda polo tanto moito debate e matización por diante. O acordo non reverte dúas modificacións regresivas, como foi adiar a idade de xubilación até os 67 anos, e ampliar de 15 a 25 anos o cálculo da media de ingresos pra fixar a contía. 

Asemade, sendo importante ligar as pensións ao IPC pra evitar a perda do poder adquisitivo, isto vale de ben pouco se non se garante que non medre a presión fiscal, que o prezo dos produtos de primeira necesidade non o fagan por riba do IPC, e que os servizos e prestacións públicas (sanidade, dependencia, etc.) sexan de calidade e gratuítos. Son aspectos fundamentais, porque teñen unha maior incidencia sobre as clases populares e as persoas de maior idade. A composición do consumo depende da clase social e da idade, polo que a media do IPC anual non é igual pra todas as familias. Por exemplo, o aumento tan forte das froitas, peixe, enerxía, etc, non ten o mesmo efecto. 

Asemade, débese garantir un ingreso mínimo digno, e que as cotas da seguridade social que proveñen dos salarios atendan exclusivamente aos/as pensionistas que reciben esta prestación polo traballo realizado. Nos demais casos o lóxico é que as prestacións procedan dos orzamentos xerais ou de impostos específicos. 

Hai comentaristas que argumentan que o modelo actual, sen a perda anual de poder adquisitivo, non se mantén no futuro polo avellentamento da povoación. Trátase dunha mala escusa que agocha as verdadeiras razóns polas que os ingresos van a menos. Ante todo hai que lembrar que nunca traballou tanta xente, pola incorporación masiva da muller ao traballo asalariado. Ao que se debe  engadir que o problema dos baixos ingresos deriva da redución dos salarios medios na última década, de que se normalizase o subemprego e non se combata con eficacia o traballo en negro. As horas non pagadas e polas que non se cotiza son unha parte importante dos insuficientes ingresos da Seguridade Social. Por se non abondase, as tarifas planas a autónomos/as e ás novas contratacións restan miles de millóns ao sistema. Polo tanto, os ingresos das pensións non dependen tanto do avellentamento como da explotación laboral, do trato de favor e da fraude fiscal de certas empresas. 

Ao xa dito debemos sumar as subvencións aos planos de pensións privados, e o tope máximo estabelecido pra os descontos da cota, que deixa á marxe unha parte considerábel dos ingresos máis altos. Hai quen di que isto é razoábel, xa que hai un límite á contía das pensións. Esta valoración non ten en conta que a media de vida dun peón é dez anos inferior á dun médico. Das pensións queda aínda moito por debater, e non penso que rematen as mobilizacións sen aclarar aspectos esenciais pra garantir o sistema.

Te puede interesar