Opinión

Pepe Velo e a captura do Santa María

En xaneiro de 1961, hai seis décadas, un comando de galegos e portugueses, formado por 24 persoas, capturou o barco de pasaxeiros Santa María (rebautizado Santa Liberdade). A finalidade é desacreditar no plano internacional ás ditaduras de Franco e Salazar e alentar as loitas pola independencia nas colonias respectivas, e conseguir que seus efectos permitiran conquistar a democracia no Estado español (EE) e Portugal. A acción foi obra do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL).

O Santa María saíu de A Guaira o 20 de xaneiro de 1961, alí subiron parte dos membros do DRIL, e o resto fixeron o propio ao día seguinte en Curaçao. Ían na nave 600 pasaxeiros e 310 tripulantes. O día 22 pola noite o comando apropiouse do barco. A operación foi doada, agás algúns momentos de tensión, o que causou a morte dun oficial e que outro resultase ferido de gravidade. Segundo os plans iniciais o barco tería que se dirixir a Fernando Pó e despois a Luanda, co obxectivo de conseguir a sublevación das colonias. A rápida localización do Santa María, fixo mudar a estratexia, xa que deseguido o barco sería escoltado por naves de guerra norteamericanas. 

O 31 de xuño os xornais destacaban que o almirante Dennison dirixíase ao destrutor Goaring pra manter unha entrevista co DRIL. Despois de varios días de negociacións, a saída foi facilitada por Brasil, cuxo presidente Janio Quadros concedeu exilio político aos opositores das ditaduras do EE e Portugal. Sen dúbida tamén pesou nesta solución final a postura dos Estados Unidos, que mantiña diferencias con Portugal por mor da autodeterminación das colonias, pensando nos seus intereses futuros na zona. Os xornais salientan nos días seguintes o desgusto de Salazar coa OTAN, así como o aumento da actividade rebelde en Angola e o envío de paracaidistas. 

A captura foi ben planificada, non foi unha arroutada, malia que resulta evidente que carecía do apoio político necesario, aínda que mantivese contactos e relacións coa oposición no interior e os movementos de liberación en África faltáballe o apoio dun amplo movemento político. Neste aspecto coido que responde, nas formas, á teorización do que se chamou daquela foquismo, ou sexa: un grupo de persoas armadas que serven de revulsivo e elemento aglutinador da oposición social, saltando etapas e procesos de acumulación baseados na loita social e política de masas. Neste caso tivo a virtude da súa transcendencia internacional, que non é pouca cousa, malia que os seus efectos prácticos inmediatos no interior foran limitados. 

Os participantes na acción que acadaron máis sona, foron Pepe Velo (de alcume Carlos Junqueira de Ambía), Xosé Fernández (Jorge de Sotomayor), e Henrique Galvao. Eran tres personalidades moi distintas, coas valías necesarias pra levar adiante unha tarefa tan arriscada, porén incapaces de manter o proxecto posteriormente, o que amosa que o DRIL tiña unha función moi especifica e conxuntural. A dirección política correspondía a Xosé Velo Mosquera, e había dous comandantes operacionais: Sotomayor, como mariño, encargouse de garantir a andaina do barco; e Galvao que, por ser portugués, sería a cara pública da operación, dado a nacionalidade do Santa María e a relevancia das colonias africanas dese país e a rebelión existente. 

O protagonismo de Velo sería destacado na entrevista que a revista Blanco e Negro fíxolles aos tres no barco en Recife, e na que se salienta en titulares: “Non era Galvao o xefe supremo ao mando do Santa María”. E, a pé da foto remarcase que este papel correspondía a Carlos Junqueira de Ambía, o celanovés que fora dirixente da Federación de Mocidades Galeguistas perante a Segunda República. A captura do Santa María é un feito relevante da loita de Galiza contra a ditadura. 

Te puede interesar