Opinión

Permitirá a UE esta nova agresión contra Palestina?

Non semella casual que Donald Trump presentase un novo plan de paz entre Israel e Palestina, que cualificaba de “acordo do século” un día despois da conmemoración que se fai o 27 de xaneiro en repudio do holocausto do povo xudeu por parte do réxime nazi. Todo  amosa que se pretende ligar aquel xenocidio coa lexitimidade de Israel a seguir regras excepcionais, pra ocupar os territorios históricos dos palestinos e os Altos do Golán. Evidentemente este plan foi pactado e conta co aval de Netanyahu.

Asemade, non se pode obviar, que este golpe de efecto máis publicitario que novedoso, porque máis unha vez se basea nun cambio de territorios por unha hipotética garantía de convivencia pacifica, todo amosa que se realiza neste intre pra apartar os focos mediaticos do impeachment a Trump, e outro tanto acontece con Netanyahu que está acusado pola xustiza de corrupción, fraude e abuso de poder. Esta incertezas sobre os seus futuros políticos non implica que Trump non siga dando pasos pra consolidar a Israel como cabeza de ponte en Oriente Próximo, agrandando seu territorio, máxime cando está en entredito o lugar na rexión de Estados Unidos, tendo en consideración o papel de Rusia, Iran e Turquía. O traslado da embaixada de Estados Unidos a Xerusalén, en contra da postura da ONU, e a presión pra que outros países fagan o propio, así como o recoñecemento como territorio israelí dos Altos do Golán, ocupados durante a guerra de 1967, anexados en 1981, e pertencentes a Siria, son exemplo desta dinámica imperialista.

A proposta, mentres que por unha banda fala dun estado palestino viábel, pola outra négalle competencias sobre o ceo e as fronteiras, que serían controladas polo exército hebreo. O acordo recoñecería a Xerusalén como indivisíbel e capital soberana de Israel, deixándolle unha pequena porción aos palestinos, e redimensiona o territorio de Palestina consolidando as zonas ocupadas polos colonos, e outorgándolles en “compensación” dúas pequenas áreas na fronteira desértica con Exipto e a construción dun túnel que una a franxa de Gaza coa Cisxordania. Engade que non existiría dereito ao retorno dos refuxiados, sobre cinco millóns. Segundo Trump a apertura dos portos de Haifa e Ashdod, e a normalización do comercio, permitiría que en dez anos anos se dobre o PIB de Palestina e se xeren máis dun millón de postos de traballo. Este último sería o caramelo pra que o povo palestino acepte este acordo que consolida como definitiva a ocupación e control por Israel do país, convertendo na práctica a loita pola soberanía nunha utopía do pasado. 

Lembremos que esta proposta-imposición que xa foi rexeitada pola Autoridade Palestina, a Liga Árabe e Turquía, e susténtase na crecente intervención militar de Estados Unidos na rexión, así como en todo tipo de mecanismos de presión económicos e políticos. O PIB palestino está estancado e o ano pasado deveceu un 1,7%, e unha de cada tres persoas está desempregada. A Conferencia das Nacións Unidas sobre o Comercio e Desenvolvemento (Unctad) destaca que non hai signos de que esta tendencia negativa nos principais indicadores económicos se vaia a  reverter en pouco tempo. Ademais, alerta, de que o país ten unha enorme dependencia de Israel, que é destinatario do 80% das exportacións. Asemade, segundo a Unctad, Israel utiliza os territorios ocupados de Cisxordania como “zonas de sacrificio” cara onde transfire residuos perigosos. 

Diante de feitos tan graves: que fará a Unión Europea e as Nacións Unidas pra garantir os dereitos do povo palestino? Washington está dinamitando as normas internacionais construídas con tantos sacrificios humanos. Estase impoñendo a lei da forza e de velo todo como unha partida de cartas. Ulo a democracia, a xustiza, a igualdade e a solidariedade?

Te puede interesar