Opinión

O pico petrolífero

Hoxe practicamente todos os analistas coinciden en que a produción de petróleo está estancada e, os máis optimistas, adían ate o ano 2014 a chegada do pico petrolífero, ou sexa que a demanda supere á produción, e, o que resulta máis grave, que os novos descubrimentos sexan inferiores á mingua dos recursos existentes. Esta non é unha eiva menor, xa que o modelo actual do capitalismo (a globalización neoliberal) baseouse na explotación dos recursos petroleiros, e o seu control aínda dá lugar a guerras. Malia que as grandes potencias prefiren non falar do limite da situación, mesmo as veces negan esta evidencia, ao mesmo tempo hai unha carreira por substituír o petróleo por outros tipos de enerxía, tanto na produción de electricidade ou como de carburante.

As negativas perspectivas encol das reservas de petróleo (e a súa calidade) son a razón pola que se reabre o debate encol da necesidade da enerxía atómica (esencial pra manter este modelo de sociedade) e polo que se adican inmensos recursos á investigación pra o transporte rodado en base á electricidade. Só así se entende que países (hoxe) grandes produtores de petróleo teñan tanta preocupación polas enerxías alternativas e mesmo a construción de centrais atómicas (caso de Iran ou Venezuela). Evidentemente a enerxía nuclear fainos xogar a todos á ruleta rusa, aínda que non o desexemos, xa que un acidente nunha central atómica ten consecuencias catastrofistas (lembremos e Chernovil). Asemade, os residuos nucleares son perigosos durante séculos. Hai quen pon como exemplo Francia, porque aínda non houbo acidentes moi graves, porén pode habelos no futuro ¿entón que pensaremos deste país?...

Feitas estas aclaracións, quérome centrar na cuestión económica, ou sexa, en que albisquemos que a globalización neoliberal só foi posíbel cun petróleo barato, xa que isto permitiu multiplicar o intercambio comercial. Un transporte barato, e os avanzos tecnolóxicos nas comunicacións (transporte e información), deron ademais pulo ao sistema financeiro (bancos, aseguradoras, Bolsa), afortalando a economía especulativa, en beneficio das clases dominantes das grandes potencias. Por iso, pra alén de que se fale de que a crise esta superada, algo que parecería certo se a medidos en función dos resultados do sector financeiro e dos grandes grupos económicos, aínda que temos que concluír que non é verdade se temos en consideración o sector produtivo e o emprego. Esta conclusión é máis razoábel se analizamos os próximos déficits en materia enerxética, algúns metais pesados, auga potábel, alimentos esenciais, e os problemas medio ambientais.

A globalización neoliberal só foi posíbel cunha sobre-explotación de recursos non substituíbeis e a un ritmo irracional e depredador. Agora as clases dominantes pretenden superar a crise con máis do mesmo. E isto non se sostén por moito tempo. Por iso, mentres teiman nas recitas neoliberais das últimas décadas, que lles permiten seguir concentrando e centralizando a riqueza, poñen en practica algunhas medidas pra dar unha saída ás eivas en materias primas e enerxía. Coidan ademais, que a enorme concentración e centralización de riqueza que conseguiron permitiralles enfrontar a nova etapa histórica con forza abondo pra neutralizar a contestación social, producida por mor dunhas condicións laborais e sociais en estremo desiguais. Que se remate a globalización, tal como amosa o pico petrolífero, non quere dicir polo tanto que devezan as tendencias que dan folgos ás desigualdades sociais e entre territorios.O que acontece durante esta crise reflicte, máis unha vez, que as grandes potencias (as clases dominantes) nunca van tomar a iniciativa pra utilizar racionalmente os recursos, e facer unha distribución xusta do emprego e da riqueza. Non hai traxedia humán e problema social que lles conmova, temos exemplos a moreas. Pra que a andaina sexa doutro xeito compre mudar a correlación de forzas, ou sexa: que as clases populares teñan o protagonismo que lles corresponde.

Te puede interesar