Opinión

Potenciar a natalidade. Con este sistema?

Cada ano que pasa a taxa de natalidade volvese máis negativa e, aínda que se trata dunha tendencia que atinxe á maior parte das autonomías-nacionalidades do Estado español así como a países da Unión Europea, non xustifica os malos resultados, máxime cando se trata como na nación galega dunha evolución negativa das últimas décadas. No ano 1975 naceron no país 42.850 persoas e, restando as defuncións, o saldo positivo foi de 18.016. E daquela como hoxe existía unha emigración da mocidade considerábel. No pasado ano naceron só 14.759 persoas, case que tres veces menos, polo que o saldo foi tremendo: -18.084. 

Estes resultados negativos non se evitaron co medre da inmigración, un 7,68% en da povoación en 1998 a nada menos que o 15,1% no 2021, xa que non compensa a forte emigración da mocidade galega. Ademais, existe unha emigración masiva desde a década dos cincuenta do século pasado, primeiro a América e despois a Europa, e tamén como unha constante a outros territorios do Estado español (EE). Polo tanto a queda da natalidade, que tamén se dá noutras autonomías e nacionalidades do EE e estados da contorna, e que se foi acrecentando nas últimas décadas, está noutros motivos.

Dise que este descenso na natalidade debese á incorporación da muller ao traballo asalariado e a novos hábitos sociais. Sen dúbida estes aspectos inciden, mais en todas as épocas houbo familias que por distintos motivos non quixeron ter descendencia,... Sen restar importancia a estes aspectos, a principal razón neste contexto está relacionada coa precariedade laboral e os baixos ingresos salariais. Ou sexa, cun reparto inxusto da riqueza producida. Quen vai ter hoxe fillos e fillas sen ter un ingreso garantido e crialos ten un custe moi superior? 

Como teño afirmado noutros artigos respecto deste tema: ter fillos/as é unha decisión familiar, nas que esta asume todas as responsabilidades, os custes económicos e de todo tipo. Dirase que tamén as satisfaccións, é verdade. Mais os beneficios son colectivos, de toda a sociedade, tamén pra aqueles que decidiron pola razón que fose non ter descendencia ou non puideron tela. E este aporte das familias que garanten a continuidade hai que compensalo na complexa sociedade actual, e non chega con algunhas axudas e servizos gratuítos. 

Esta caracterización do problema esixe respostas contundentes respecto das condicións laborais; por exemplo: da eventualidade da contratación, das xornadas extenuantes, e das modificacións arbitrarias das mesmas, do salario mínimo e a débil oferta de emprego (sae máis capital do que entra, co que isto implica respecto do carácter subalterno da Galiza e no medre da economía). O descenso da natalidade está moi unido a estes retrocesos nas condicións laborais e límites na oferta de traballo, á inseguridade laboral, e á falta de mecanismos públicos que garantan ingresos fronte a conxunturas adversas. Sen esquecer que mesmo na actual non todo son relacións económicas, tal como se amosa na maior parte da atención aos dependentes, nas asociacións culturais, deportivas e de todo tipo que se desenvolven co esforzo solidario das persoas. 

Garantía de traballo e ingresos son as cuestións de fondo, ás que hai que sumar a mellora nas prestacións públicas (educación, garderías, axudas, etc). Evidentemente as eivas son máis graves cando se trata de familias monoparentais, cando hai unha migración considerábel da mocidade cualificada do país, o mundo está en plena confrontación entre potencias, a desfeita ecolóxica é dramática, e non se albisca un escenario de acordos onde a solidariedade prime sobre a cobiza e a soberbia. A natalidade é ollar cara o futuro, mais tamén de xustiza social no presente. Hai que mudar o sistema económico e social.

Te puede interesar