Opinión

Primarias: o mito e a realidade

Desde hai uns anos abriuse o debate sobre as primarias nos partidos, alentado polos novos suxeitos políticos. Estes agromaban por mor do descontente fronte aos partidos que administraban os intereses do capital desde había décadas, alternándose nos gobernos.

Presentouse as primarias como un modelo de democracia, de control sobre as direccións pra que cumpran os programas. Porén, malia que este modelo se estendeu mesmo aos partidos sistémicos, cada un fai unha interpretación propia das primarias e, sobre todo, non parece que só con este mecanismo se podan corrixir as eivas que responden a cuestións de fondo, tanto na caracterización da conxuntura, como da folla de ruta, e nos obxectivos.

 En teoría as primarias son un modelo que alarga a toma de decisións do partido (ou fronte, movemento, etc.) ao conxunto da sociedade, sen ningunha peneira organizativa, nen político-ideolóxica. Malia que se poda falar de incorporar aos simpatizantes, isto non se pode asegurar, nen cando se pon un determinado pago aos/as participantes. Daquela que este tipo de consultas teñan unha morea de riscos, que poden desvirtuar a propia existencia do suxeito político que as realiza e garantir a súa autonomía dos poderes hexemónicos. Unha boa parte dos/as votantes poden ser simpatizantes doutros partidos, mesmo antagónicos. Aínda que estes participantes fosen minoría condicionarían os resultados, e ademais a incidencia dos medios sistémicos pra distorsionar a consulta sempre será moi grande. Claro que mesmo así, se as primarias só teñen unha finalidade propagandística, baleirada de contido e as candidaturas están precociñadas, a consulta será un éxito de reafirmación da liña e da dirección. Mais se o obxectivo e democrático, os resultados poden ser un tiro no pé. No seu día, o Frente Grande de Arxentina levou adiante este tipo de consulta, e terminou arrasado polos candidatos que propuña pras eleccións presidenciais unha escisión radical minoritaria (con grande presenza nos medios) e coa que ía coligado. 

Outra interpretación das primarias é a que fai Podemos. Esta forza ten un censo de afiliados/as, esencialmente internautas, que non pagan cotas, nen están obrigados a tarefas militantes. Daquela que a participación nas reunións sexa moi baixa, que a vida política interna se faga no fundamental na rede e que non podan evitar que as diverxencias de fondo chouten aos medios. Aínda que os debates se pretendan manter dentro dunhas canles, terminan sendo condicionados externamente e forman parte do espectáculo. Se cadra este posmodernismo sexa o que faga que esta organización mude de prioridades acotío, e que non sexa quen de estruturar unha organización que se apoie na mobilización, pra alén de certas ocasións moi determinadas. Pola súa banda, Ciudadanos, por máis que presuma de primarias, ten un defecto de orixe, de partido verticalista cunha base estreita e moi condicionada polo acceso ás institucións políticas. 

Non semella que a nova política, por máis que se monte na onda do descontente social, sexa quen de construír proxectos transformadores. Aínda que abanearon o bipartidismo, incorporaron á política sectores das clases medias, e colleron parte do espazo de forzas que tiñan por detrás décadas de loita contra o sistema e unha militancia considerábel. Estas últimas poderíanse recuperar, mais é imposíbel sen analizar criticamente o pasado, pra superar os erros e fortalecer os acertos.

Agora ben, non sería máis importante que unhas primarias, que os partidos formen á súa base, e realicen congresos nos que se debata de vagar a liña política? Non será mais importante, que os candidatos/as institucionais sexan electos polos afiliados activos do ámbito que corresponda, e que a praxe a todos os niveis sexa coherente cos obxectivos acordados?

Te puede interesar