Opinión

A proclamación da República Galega

Coa proclamación da 2ª República, o 14 de abril de 1931, moitos pensaban que se ían atender axiña as reivindicacións seculares, o que xerou un enorme entusiasmo popular. Convocáronse pra o 28 de xuño as eleccións pra Asemblea Constituínte. Durante este breve período sucedéronse importantes acontecementos. Maciá proclamou o 14 de abril a República catalá. Prodúcense tensións co Governo central, e o 3 de agosto aprobase o Estatuto de autonomía. No noso País o 4 de xuño celebrase na Coruña, por iniciativa de ORGA, unha xuntanza pra redactar un anteproxecto de Estatuto de autonomía. Preséntanse varias propostas, a do Seminario de Estudos Galegos sinala: “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. 

Neste contexto proclamouse o Estado Galego o 25 de xuño en Ourense e o 27 en Compostela. Fixéronse ao abeiro da folga laboral, apoiada pola maioría social e moitos concellos, contra a suspensión da construción do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña. Na obra traballaban 12.000 operarios. A medida que se estendeu a noticia da paralización da construción comezaron as protestas. Por exemplo, a concentración realizada por republicanos e galeguistas en Ourense o 13 de xuño no xardín do Posío, na que falaron Eleuterio Salgado, Basilio Álvarez e Otero Pedrayo.

Asemade, hai que ter en consideración os antecedentes máis próximos respecto da esixencia que Galiza recuperase súa capacidade pra decidir. Nomeadamente, no ano 1873, durante a 1ª República, realizouse unha “asemblea republicano-federal” en Compostela á que asistiron 545 delegados de toda Galiza, e na que se asinou un manifesto pedindo a autonomía e un réxime federal. E no ano 1887, en tempos da rexencia de María Cristina, o Partido Federal de Galiza redactou un proxecto de “Constitución pra o Estado Galaico”. Porén, o maior pulo cualitativo dáse coa realización da 1ª Asemblea Nacionalista de Lugo (en 1918), na que se esixe a autonomía integral pra Galiza e unha Federación de Iberia (incluíndo Portugal). 

Por mor da suspensión das obras do ferrocarril, o 24 de xuño, dimiten no Carballiño todos os concelleiros municipais do Partido Xudicial. Durante a tarde-noite dese día unha multitude axuntase diante do Governo civil de Ourense á espera da decisión do Consello de Ministros en Madrid. A resposta, que chegou en forma de telegrama o día 25 ás 2 hs da mañá non era clara, deixando non aire a continuidade das obras, polo que se os presentes dirixíronse ao concello. Alí varias persoas subiron ao balcón, ergueron a bandeira galega e un mozo proclamou o Estado Galego. Ese mesmo día faise unha asemblea no Teatro Losada, “con máis persoas fóra que dentro”. Asistiron delegacións de toda Galiza, salientado o número das que chegaron de O Carballiño. Entre as intervencións salienta a de Alonso Ríos, como presidente da Comisión Permanente a prol do Estatuto, elixida na Coruña o 4 de xuño.

Non sería esta a única oportunidade na que a cuestión social e nacional aparecen estreitamente ligadas naqueles intres tan decisivos. O xornal “El Pueblo Gallego” destaca que o día 27 fíxose un grandioso mitin na Alameda de Compostela, ali falaron Carnero Valenzuela, Campos Couceiro e Antón Alonso Rios. Este último afirmaría: “Hai que facer a revolución na rúa  e  por todos os medios (...) Proclamando a nosa independencia e abrazándose, se fai falla, agarimosamente a Portugal”. Ao rematar o mitin formouse unha grande manifestación que se dirixiu ao concello, ali ergueuse a bandeira branca e azul e proclamouse o Estado Galego. É verdade que foron accións simbólicas, máis amosan o estado de animo da xente, e que eran reivindicacións que contaban co consenso do povo. E isto ten un valor transcendental, pra alén de quen teña a forza pra impoñer ou non as normas.  

Te puede interesar