Opinión

O PSOE xira cara o centro dereita?

Hai moitas posibilidades de que se convoquen novas eleccións xerais. Claro que isto non implica automaticamente que o PSOE obteña a representación necesaria pra governar en solitario, daquela que busque unha reforma da Constitución pra que prime ao partido máis votado. O modelo que propón podería significar que, cun voto moi fragmentado, un partido cun terzo da representación, ou menos, obteña a presidencia, malia que a maioría estea en contra. Ulo a democracia e o respecto pola vontade popular? Sen este subterfuxio está obrigado a buscar aliados, ou sexa, a facer concesións no programa e ceder lugares no Executivo. Isto xa está a suceder en moitos concellos e autonomías, coa participación de todas as forzas. Entón, porque tantos atrancos respecto do Governo central? 

Resulta lóxico que os partidos lle boten a culpa aos demais. Mais neste caso o PSOE ten unha boa dose de responsabilidade, xa que quere governar cos votos de UP, do soberanismo e outros partidos, sen facer concesións programáticas e reservándose en exclusiva o control da súa execución. Daquela, que utilice como principal argumento o da ameaza de novas eleccións, aproveitando a remontada electoral e as enquisas. Este cheque en branco que lle pide á esquerda e ao independentismo (tamén aos partidos de centro dereita pra se absteñan) deixaría a Pedro Sánchez plena liberdade pra pactar a dereita e esquerda na lexislatura segundo o tema. Se non fose esta o obxectivo, en temas de moio calado, xa houbese acelerado os contactos e tería chegado a un acordo. 

A anterior é unha cuestión central, que non se pode valorar só tendo en consideración o acontecido no último ano. Porque, aínda que se tomaron algunhas medidas positivas, as de maior envergadura seguen aínda no tinteiro (reforma laboral, pensións, lei mordaza, cuestión catalá, etc). Tampouco se pode obviar que estes acenos públicos eran necesarios pra se recuperar o PSOE, e que contaron co arroupe de sectores do capital (e mesmo da UE) preocupados polo auxe do soberanismo catalá e Vox, e a deriva do PP e Ciudadanos. Polo tanto, ten súa lóxica que UP e o nacionalismo teñan moitas dúbidas respecto de cal vai ser en realidade a liña de governo de Pedro Sánchez. Non pode ser doutro xeito tendo en consideración a historia do PSOE, a fortaleza das clases dominantes, e o reforzamento na Unión Europea da liña neoliberal. 

Os medios e analistas estanlle dando moito valor aos intereses partidarios e ás relacións persoais, porén coido que se está esquecendo o esencial: á presión dos grandes poderes económicos. Algo esencial neste momento histórico de auxe da globalización e o neoliberalismo. Cando o PSOE afirma que a formación do Governo non pode depender dos partidos independentistas, e tomaba a iniciativa en Barcelona pra impedir que ERC asumise a alcaldía, marcaba cal vai ser súa liña política neste tema (Ulo o dialogo?). Trátase dunha folla de ruta que está conectada co apoio da patronal a un Governo de coaligazon PSOE+Ciudadanos. Até que punto non formou parte das conversas de Sánchez con Macron e Merkel, tendo en conta o Brexit? 

Todo amosa que Pedro Sánchez anunciará pronto algunhas medidas efectistas, que satisfarán necesidades parciais da xente, co obxectivo de repetir a experiencia do anterior proceso electoral. Porén chegar aos 176 deputados /as é moi difícil (máxime cando fuxe das cuestións de fondo). Agora ben, o tempo económico, social e político bule moi de presa, non todos os feitos son controlábeis, e o estado de animo pode mudar en moi pouco tempo. E, ao final, a cuestión non está nas eleccións, senón pra onde olla o PSOE neste intre... 

E, diante do falecemento de Etelvino Blanco, expresar miña dor e recoñecemento ao compañeiro de loitas a prol da clase traballadora galega e da soberanía do noso povo, na ING, INTG e na CIG. 

Te puede interesar