Opinión

Quedará só nun conflito entre potencias?

Aínda que os medios non lle deron a importancia, de vagar vanse estendendo en Europa as protestas populares contra o aumento do prezo da enerxía, alimentos, e outros consumos e servizos esenciais. Sendo verdade que o medre da inflación é anterior á invasión da Ucraína por Rusia, as sancións de Estados Unidos e da UE contra Moscova volvéronse como un búmerang atinxindo a todo o mundo, e sobre todo á UE, moi dependente da enerxía rusa. A invasión era a única saída, segundo Moscova, pra evitar a integración da Ucraína na OTAN, arrodeando Rusia con armas nucleares. Así como pra impedir un inminente ataque de Kiev ao Dombas, rachando co pacto de Minsk pra atopar unha solución de consenso; que por outra parte nunca se cumpriu por parte da Ucraína, xa que se mantiveron os bombardeos causando 14000 mortos civís nas repúblicas independentes (Lugansk e Donetsk), que nun principio só pedían unha ampla autonomía.

Mais a guerra na Ucraína, usase como os argumento e escusa pra armar a Kiev, pra impoñer sucesivas sancións a Rusia, pra coa finalidade de deixar en evidencia un papel subalterno. Polo que a implicación directa de “occidente” na guerra é cada día maior, tanto no eido militar como nas relacións máis esenciais; sen ter acadado este obxectivo. Daquela, malia que se reduciu o debate sobre esta problemática ao mínimo, e a versión oficial de Bruxelas semella a única. Ademais cometéronse erros de valoración de tanta envergadura como pensar que as primeiras sancións dobregarían a Rusia, e xa imos pola sétima e iso non está a acontecer. Por se non abondase o rublo gañou valor, a federación ten un saldo exterior positivo e maior que en anos anteriores, e as últimas referencias falan dunha caída do PIB este ano de só un 3% (Poderá ser superior en Alemaña?...)

Un dato máis sobre este tema, pra alén do económico, no eido estritamente político e do imaxinario colectivo. Mentres que no mes pasado na ONU votaron a prol dunha iniciativa da Ucraína que condenaba a Rusia só 54 nacións, dun total de 193, en marzo outra moción semellante acadou 141 votos a favor. O que reflicte unha evolución negativa cara as posturas das potencias “occidentais”. Son feitos que deixan en evidencia que se trata de decisións que van pra alén da defensa da integridade territorial da Ucraína. En resumo: todo indica que se está a rexeitar sobre todo a tendencia estratéxica que o feito concreto, polo que representa por parte das potencias occidentais a intervención na guerra, as sancións a Rusia. Medidas que significan unha profundización da globalización neoliberal controlada por un pequeno grupo de corporacións e potencias, coa hexemonía incuestionábel dos Estados Unidos.

Agora ben, malia o control informativo e a propaganda de guerra, e ofrecer como única saída a derrota de Moscova e o sacrificio “solidario” das clases populares nos estados sancionadores, de vagar a contestación social vai collendo corpo en “occidente”. Sumándose aos países subalternos que marcan unha distancia cada vez máis forte coa estratexia guerrerista, intervencionista, de dividir o mundo en bloques, de pechar as saídas pra paz se está ligada ao multilateralismo. Como exemplo de estas mobilizacións masivas temos a realizada en Praga, Chequia, esixindo 70 mil persoas a dimisión do governo, gas barato e a neutralidade na guerra da Ucraína. E manifestacións en distintas cidades da Alemaña, pedindo maiores subvencións pras familias polo custe da enerxía...

Entón, porque non eliminar as sancións, o que rebaixaría os prezos, e apostar pola paz? Non será que no fundamental o que está en xogo, pra os governos da UE, é demostrar que teñen o poder e deciden como se reparte a riqueza producida?... Ademais, as grandes empresas seguen a ter inmensos lucros.

Te puede interesar