Opinión

Con quen se fagan as alianzas é determinante

Opinión

Con quen se fagan as alianzas é determinante

Odebate no Congreso pra prórroga do estado de alarma amosou como o Governo do PSOE-UP foi perdendo aliados, xa que o apoio de Ciudadanos e o PNV semella circunstancial, tendo en consideración que estes partidos tamén se sumaron ás criticas. Mais que a necesidade de manter medidas rigorosas contra a pandemia, cuestionase o uso de Estado de Alarma, que limita dereitos democráticos esenciais, e que non se teñan en consideración as características especificas das autonomías, cando na desescalada estas particularidades son fundamentais. Daquela que saísen con tanta forza no debate termos como co-governanza, centralismo e actitudes autoritarias, en relación a como se está a xestionar a loita contra o covid-19. 

Que o Governo usase as provincias como base pra de-sescalada, e non as autonomías e áreas sanitarias, que representan un criterio político e asistencial consensuado, non é doado de entender, a non ser que exista a intención de rebaixar o papel dos governos autonómicos (tamén do Estado das Autonomías?). Unha cuestión difícil de aceptar nas nacionalidades, como Galiza, tendo en conta razóns históricas, culturais e a unidade xeográfica, máxime cando a orografía marca a fronteira, se exceptuamos territorios limítrofes unidos historicamente ao noso país, tamén no lingüístico.   

As anteriores non son cuestións menores porque a desescalada, ademais do aspecto sanitario, está directamente relacionada coa “reconstrución” da economía (tecido empresarial e emprego), e sobre todo como se vai a repartir o esforzo. Ou sexa, cal será a extensión dos mecanismos de protección social, e que se faga uha distribución equitativa dos custes da reconstrución entre clases sociais e autonomías e nacionalidades. Algo de máxima importancia, tendo en consideración que na crise de 2008 foron soportados no esencial polos asalariados e asalariadas, así como polos autónomos/as e pequenos empresarios/as, en beneficio do gran capital. A caída dos salarios, o crecemento do desemprego e precariedade, o medre dos ritmos de traballo e da xornada laboral, foron o resultado deste duro axuste entre clases, que tamén se deu no ámbito territorial, coa perda de povoación e de peso económico dunhas autonomías e un avance doutras no Estado español.

A UE prevé unha caída de máis do 9% do PIB pra este ano e que o desemprego chegue ao 19%, xa que se calcula que unha parte moi importante das persoas acollidas nos ERTE terminaran no paro. Seica en 2021 a economía medrará un 7% (non será moi optimista?). Sen dúbida as autonomías máis afectadas serán aquelas que teñen maior dependencia do turismo de masas europeo, e foron moi afectadas pola pandemia. Porén isto non implica que a medio prazo estes custes non se transfiran a aquelas autonomías e comarcas que teñen un papel subalterno, como sucede en toda crise no sistema capitalista, sobre todo na súa versión globalizadora e neoliberal.

Neste contexto a alianza do Governo co soberanismo de esquerda, hoxe en cuestión, é determinante, tamén a derrogación da reforma laboral, lei mordaza... Non tanto pra atender nesta emerxencia ás familias empobrecidas, como no relativo a un reparto xusto dos ingresos e do traballo; ou sexa: pra avanzar na xustiza social. No aspecto asistencial o apoio político ampliase, pra evitar a revolta popular. Mais cando os custes afectan os intereses dos poderosos estoupan as contradicións, e hai partidos que entenden por progresismo axudar ao chanzo máis baixo aumentando a explotación no seguinte, pra non afectar os intereses dos que se sitúan no cumio da pirámide. Pra que non sexa así, fan falla: nacionalizacións; impostos específicos ás transaccións bancarias, fundos de investimento e empresas dixitais; aumentar a presión fiscal ás grandes empresas e fortunas...