Opinión

Recreando o Far West na ONU

A intervención de Donald Trump na Asemblea Xeral da ONU foi, en varios aspectos, negro sobre branco a respecto da que realizou o secretario xeral deste organismo, o portugués, António Guterres. Este último denunciou a desigualdade social e territorial crecente, alertou da ameaza do terrorismo, do reto da innovación e das consecuencias do cambio climático. Asemade, destacou que o uso da destrución nuclear non se pode aceptar, nen sequera como ameaza. Ou sexa, Guterres puxo en valor os conceptos de paz, entendemento e respecto entre povos, que deron orixe á Sociedade de Nacións e logo ás Nacións Unidas, para evitar a repetición de novas guerras. 

Guterres pediu unha reforma da ONU, que coincide no esencial coa proposta de Trump, e coas políticas que promoven os Estados Unidos e outras potencias, nun aspecto que non é secundario: unha maior colaboración coa empresa privada e as novas institucións internacionais. Estes cambios  propóñense co engado dunha xestión máis eficaz dos programas e resolucións das Nacións Unidas. Non é unha cuestión menor, e amosa como as clases dominantes, representantes do capital, vanse consolidando de vagar a través dos lobbys e mecanismos de decisión supranacional, e mediante cambios lexislativos e un papel do poder xudicial que relega a vontade popular en decisións políticas. Todo indica que se quere rebaixar o papel das institucións elixidas por votación popular, xa que sempre son máis sensíbeis e están máis expostas á presión das maiorías sociais. Ollo! Este é un dos grandes cambios regresivos que se están a producir de xeito silandeiro. 

A intervención de Trump comezou salientado os seus méritos: crecemento de valores na Bolsa e  redución do desemprego. Pra engadir a continuación que o exército norteamericano será axiña o máis forte que nunca teña existido, e ameazar Corea coa destrución total (ou sexa, con 25 millóns de mortos). Despois de sacar peito, lembrou o xenerosos que foron co Plano Marshall, pra deseguido atacar os “poderes autoritarios” que pretenden socavar os valores democráticos, ou sexa, todo aqueles que teñen políticas soberanas e non se dobregan aos intereses de Washington. Puxo en primeira fila destes inimigos a Corea do Norte, Irán e Venezuela. Aínda que apuntaba a Rusia e China. Esta argumentación do presidente estadounidense contrasta coa realidade, xa que o seu país posúe 800 bases no exterior en 133 países, Rusia só ten unha en Siria e China está a punto de abrir outra en Djibuti, onde existe outra de Washington. 

Todo amosa que non hai potencia no mundo que desenvolva unha política tan intervencionista e agresiva como Estados Unidos. Polo tanto, non está Trump en condicións de dar leccións e ofrecer solucións. Asemade, como esquecer que as agresións norteamericanas durante este século, no que reinaron como imperio absoluto, non axudaron a fortalecer a paz, senón que deron azos ao terrorismo, á desfeita ecolóxica, á especulación? Como ignorar a destrución de países enteiros (Afganistán, Libia, Iraq, Siria, etc.), e a súa contribución á desigualdade entre territorios e ao retroceso nas condicións laborais e sociais?  

Con respecto a Siria, Trump di que Estados Unidos é unha nación compasiva que leva gastado miles de millóns de dólares axudando aos refuxiados. Vaia cinismo!!! Todo o mundo sabe que eles crearon e apoiaron Al Nusra (Al Qaeda) e o Estado Islámico, a través de Arabia Saudita, Qatar, Emiratos Árabes. Resulta evidente que se trata de discursos pra galería, con medias verdades e moitas mentiras. Non debería enganar a ningún dos presentes, a non ser que fagan ouvidos xordos por intereses económicos colectivos e/ou persoais. En resume, Trump deixou claro que el é o vaqueiro co revolver máis grande e o que dispara máis rápido. Ou sexa, que seguirán as guerras e o caos irá a máis.

Te puede interesar