Opinión

Recuperando a nosa historia

Que se realice unha exposición de obxectos suevos na cidade de Ourense, con máis de trescentas pezas procedentes de 10 países, é unha boa iniciativa. O fundamental é que axudará a divulgar unha etapa esencial da historia do País, e da nosa a vinculación e mestizaxe con este povo xermánico, con orixe primitivo nas costas bálticas, e que deu lugar ao que se considera o primeiro reino da Europa occidental xurdido despois da caída do Imperio Romano de Occidente. 

O reino suevo fortaleceu o marco político da Gallaecia, con algunhas variacións nos límites exteriores, mais mantendo a centralidade dos conventos administrativos de Lugo e Braga (estes abranguían uns 52 mil quilómetros cadrados e 451.000 persoas libres). Cando chegaron os suevos á Gallaecia, sobre o ano 410-411, sumaban entre 30 mil e 50 mil persoas, segundo as distintas fontes. Os suevos eran unha federación de povos. Os que viñeron ao noso país eran cuados, e tiñan xa un certo grao de romanización. A súa invasión atravesou o Rin no ano 406 xunto cos vándalos e alanos. Seica foran chamados polo xeneral romano Estilicon, coa finalidade de arrebatarlle o poder ao emperador Honorio. Coa morte de Estilicon, mudaron de obxectivo.

A integración dos suevos cos habitantes da Gallaecia fíxose de vagar, xa que os primeiros limitaban os casamentos mixtos. Ademais, dende o 465, practicarían o arrianismo. Estabelecéronse nas zonas rurais, e centraron os seus esforzos en controlar o país e loitar contra os vándalos asdingos que lle disputaban a Asturica, e posteriormente contra os visigodos, que querían dominar toda a Península. Deste primeiro período, hai que destacar a chegada ao norte de Galiza de emigrantes bretóns. Debeu ser un numero apreciábel xa que constituíron un bispado en Bretoña (na Pastoriza, norte de Lugo) e participarían non concilios de Braga no ano 561 e 572. 

Estes concilios foron fundamentais pra vertebrar o Reino, xa que ademais das cuestións relixiosas tratábanse outros temas. Por exemplo, no do ano 561 decídese crear centros de ensino. O Parrochiale, acordado no concilio de Braga de 562 ou Lugo de 569, divide o reino en 13 dioceses e 134 parroquias. Estas terán nomes toponímicos, como Braga, Tui, Ourense e Porto, e de entidades étnicas, como os bíbalos (que habitaban nas beiras do rio Bibei, na provincia de Ourense), o que parece indicar que o proceso de romanización nunca foi completo. Pra o coñecemento desta época, contase cos escritos de Paulo Orosio (383-420) e de Idacio (400-469). Foi sobranceiro o papel de Martiño de Dumio, tanto na realización dos concilios como na conversión do rei Teodomiro ao catolicismo no ano 559. Algo que axudaría no proceso de integración dos suevos. Lembremos que Miron aínda se denomina rei dos suevos e galegos (570-583), como indica Casimiro Torres no seu libro “Galicia Sueva”. 

Contribuíu a esta conversión relixiosa, a alianza entre suevos, bizantinos e francos (ambos povos católicos) pra intervir nas disputas internas do Reino Visigodo entre Hermenexildo e Leovixildo. A morte do rei suevo Miro, e que o seu fillo fose deposto, foi a escusa pra que Leovixildo se apoderase do Reino Suevo no ano 585. Mais, aínda que dependente, non desapareceu como entidade destacada, como reflicte o feito de que no 3º concilio de Toledo (589) faise mención a que o Rei: “reuniuse cos bispos de toda España, Galia e Galiza”. O Papa Gregorio Magno (590-604) dirixise a Recaredo “como rei dos godos e dos suevos”. O historiador Anselmo López Carreira (O reino medieval de Galicia), debullando un momento complexo da historia, inmediatamente anterior  á invasión árabe, afirma: “dedúcese con certeza que Vitiza, residindo en Tui, governou como rei sobre Galiza”. Salienta a continuidade do feito diferencial, malia todos os avatares.

Te puede interesar