Opinión

Reforma laboral: depende de Bruxelas

A decisión do presidente do Governo de poñer en primeiro plano no Congreso do partido, e polo tanto nos medios de comunicación, a derrogación da reforma laboral (só a do PP con Rajoy, non a do PSOE con Zapatero) e da Lei Mordaza, centraran o debate durante os vindeiros meses na cuestión laboral. Téñase en conta que a patronal e os partidos da dereita opóñense a calquera modificación do actual texto que favoreza á clase traballadora. Deste xeito buscase réstaselle a confrontación sobre a unidade do Estado español, que se utiliza pola dereita pra negar a realidade plurinacional e teimar no centralismo.

Mais, sendo importante este paso por parte de Sánchez, xa que había un compromiso no programa de governo asinado polo PSOE e UP respecto da derrogación, o certo é que xa pasou a metade da lexislatura e déuselle prioridade a outros temas, coa escusa da pandemia, polo que os salarios e as condicións laborais da clase traballadora non deixaron de se deteriorar. Polo tanto urxe a derrogación da reforma laboral e da lei mordaza pra dignificar o traballo asalariado, nun contexto de crise sanitaria (e sen dúbida tamén sistémica) onde medra a precariedade e desigualdade, mentres se acrecenta a concentración da riqueza nas grandes corporacións e fortunas. Todo elo malia os avances científico técnicos que permiten reducir a xornada laboral e acadar o pleno emprego, se solidariedade primase sobre a cobiza.

Se temos en conta as distintas opinións que sobre o tema teñen exposto membros do Governo todo indica que, en principio, eliminaríanse os aspectos máis regresivos do actual texto e recuperaríanse outros, como o referente á ultra-actividade dos convenios, e que a norma aplicábel sexa aquela do convenio que é máis favorábel ao traballador/ra... Non se recobrarían as indemnizacións por despedimento, que eran máis altas. Ademais abríronse propostas en paralelo sobre a redución dos modos de contratación, e a ampliación dos fixos-descontinuos, a flexibilidade da xornada de traballo, etc. Son cuestións que cómpre clarificar, xa que tanto poden ser un paso adiante como atrás, se temos en consideración as propostas regresivas en materia de xornada que se están a facer en moitas empresas, e os conflitos a que dan lugar (por exemplo no transporte).

Agora ben, esta decisión do Governo implicaría axilizar a derrogación da reforma laboral e da lei mordaza, e estar disposto a asumir que na Mesa Social non vai a lograr un acordo, polo que terá que confrontar coa CEOE. O que compensaría en gran medida garzas aos fondos europeos nos que as corporacións, e non poucas empresas medianas, terán un papel moi importante na súa execución, o que restaría efectivos á confrontación que predica a cúpula patronal. Máis, mesmo que o Governo teña capacidade pra neutralizar á patronal e á dereita política, a Unión Europea condiciona as próximas axudas a un acordo sobre a reforma laboral e das pensións, e xa solicitou un informe ao Governo a este respecto. Polo tanto, no mellor dos escenarios, teremos un texto no que se recupere a ultra-actividade dos convenios e que se aplique o que sexa máis beneficioso, mais non se evitaría o aumento da flexibilidade que esixe a Unión Europea.

Estas son as únicas saídas nun escenario no que a clase traballadora non teña un papel máis determinante, é dicir no que a mobilización masiva da sociedade sexa vista polo Governo e pola Unión como un problema social, consecuencia da degradación das condicións laborais, que necesita de respostas excepcionais. E isto implica que ademais dos sindicatos soberanistas, e de pequenas centrais de ámbito estatal, o conxunto dos sindicatos, deben converxer en accións reivindicativas contundentes, que sexan apoiadas por partidos políticos e institucións de todo tipo.

Te puede interesar