Opinión

Reforma laboral e salario mínimo

Resulta evidente que a cuestión catalá centraliza a atención dos medios de comunicación, e da sociedade, xa que atinxe a governabilidade do Estado español (EE). Non só pola complexidade pra  nomear presidente, senón porque as decisións e sentenzas do Poder Xudicial están moi marcadas polo partidismo e a desproporción, dificultando unha solución política. Tal como se reflicte cos resultados adversos pra xustiza española dos recursos diante dos tribunais da Unión Europea. Aínda así hai temas, como a situación económica, a fiscalidade e as relacións laborais, que forman parte dos pequenos titulares dos medios.

Malia que todos digan que están por unha mellora das condicións laborais, por un reparto equitativo entre clases sociais e entre autonomías, despois, á hora da verdade, comezan os atrancos por parte da patronal e dos partidos da dereita, e non só eles. Daquela que a esta altura a promesa do PSOE e UP da derrogación da reforma laboral (RL) e o aumento do salario mínimo interprofesional (SMI) até os 1.200 euros brutos, un día preséntanse como medidas prioritarias e ao seguinte rebáixanse as expectativas. E todo fai pensar que será esta última a opción que triunfe. Aproveitando os atrancos pra construción de maiorías?... Polo tanto, a derrogación da RL ficaría rebaixada a recuperar a ultra-actividade dos convenios colectivos, a redución da xornada fica esquecida, e déixanse outros temas pendentes pra redacción dun novo Estatuto dos Traballadores/as, e o aumento do SMI faríase de vagar coa escusa de que afectaría a creación de emprego.  

Lembremos que as reformas laborais do PSOE en 2011, e despois a do PP en 2012, facilitaron o despedimento, crearon contratos a proba abusivos dun ano, alentaron o traballo a tempo parcial non desexado... Aínda que a modificación de maior envergadura foi a relacionada coa negociación colectiva xa que se eliminou a ultra-actividade dos convenios, déuselle prioridade aos convenios de empresa sobre os de sector (e non o máis favorábel pra o traballador como era até ese momento) e dotouse aos empresarios de máis mecanismos de axuste e modificación das condicións de traballo.

As consecuencias regresivas notáronse en poucos anos, especialmente nos salarios e na xornada laboral, máxime nun contexto de deslocalización empresarial, investimentos de capitais no exterior, e caída do consumo. Hoxe hai 50 mil asalariados/as menos que en 2009, a parte do PIB que lle correspondeu ao traballo baixou dun 48% ao 42,9% en 2016, mentres que os beneficios do capital crecían do 43,8% ao 47,3%. Ou sexa, a derrogación da reforma afectou profundamente ao reparto da renda entre capital e traballo, e polo tanto as pensións e servizos públicos e os ingresos fiscais. Neste último caso porque a taxa real que se impón as rendas do traballo é superior as do capital.

Respecto do aumento do SMI, a 14 pagas de 1.200 euros, sería unha cantidade mínima pra poder vivir, tento en consideración os prezos de luz, transporte e vivenda. E asemade é o que recomenda a Carta Social Europea (un 60% do salario medio). Ademais impulsaría a economía, nun intre no que as exportacións están devecendo por mor das sancións dos Estados Unidos, a conflitividade militar e social mundial, e unha globalización que non se sostén ecoloxicamente. Non é verdade que o aumento dos salarios reduce a creación de emprego, se fose así Alemaña non sería a potencia que é. En todo caso as eivas da economía están máis relacionadas co pouco investimento en I+D+I, coa competencia monopolista dende o exterior das empresas dixitais, e a fraude masivo destas nos contratos laborais no Estado español, e cos privilexios fiscais das grandes corporacións e fortunas. Un reparto xusto e solidario, do traballo e da riqueza, debe ser prioritario

Te puede interesar