Opinión

Reforma: que foi da presión obreira?

Resulta evidente que cabreou a unha parte do Executivo a decisión do soberanismo catalán, vasco e galego votase contra unha reforma laboral que, aínda tendo melloras, no fundamental mantén as bases do modelo neoliberal nas relacións laborais. Razón polo que conta co apoio da patronal e da Unión Europea (condicionando os 12 mil millóns de euros da próxima achega dos fondos europeos á reforma). Cómpre lembrar que os partidos da coalizón de governo estaban comprometidos, até hai poucos meses, a derrogar a reforma de Rajoy (do ano 2012). E mesmo algún partido e sindicato dos que hoxe gaban este pacto social ademais pedían a derrogación da reforma de Zapatero (2010).

Agora afirmase por parte destas forzas políticas e sociais que este Decreto Lei era o único acordo posíbel. O cal é certo, cando se parte desde criterios como: que debía ser avalado pola CEOE; non contar coa mobilización social perante as negociacións; e contar co apoio da dereita (ou parte dela) pra aprobar esta nova reforma no Parlamento. Evidentemente tamén é unha oportunidade pra homologar no relato do PSOE+UP a postura do soberanismo coa dereita, malia que estean nas antípodas, lavar a cara da CEOE, e facer boa letra diante da Comisión Europea. 

A reforma implica certos avances, por exemplo, respecto da utilización desmedida dos contratos temporais, da ultraactividade (xa recoñecida en moitas sentenzas xudiciais) e de que primen os convenios de sector sobre os de empresa exclusivamente en materia salarial. Claro que faino cun criterio centralista obviando que os convenios de sector provinciais e autonómicos son os que teñen normalmente mellores condicións. Agora ben, mantéñense as facilidades pra os despedimentos colectivos (ERE), o descolgue dos convenios e o abuso da flexibilidade respecto da xornada, e a rebaixa da contía da indemnización nos despedimentos individuais. O traballador/ra seguirá perdendo o salario mentres se tramita o despedimento, etc. 

Por se non abondase, ademais de consagrar os contidos neoliberais, co voto da “esquerda” sistémica e os sindicatos adictos ao pacto social. Todo indica que esta escenificación non foi algo casual, xa que o debate das propostas estivo exento de calquera presión sindical seria (ademais ELA-STV e máis a CIG sendo centrais máis representativas non foron convocadas). E esta é unha cuestión importante, porque os logros no aspecto laboral e social están moi condicionados á mobilización e ao debate público das propostas pra gañar á sociedade, tendo en conta o peso adverso do poder económico neste tema; máxime cando ademais había votos suficientes á esquerda do PSOE-UP pra aprobar no Congreso a derrogación e un texto que garantise unha relacións laborais xustas. 

Dise, dende os que avalan este Decreto Lei, que a modificación dos aspectos negativos da lexislación pódese realizar en futuras reformas. Sendo certo, non se pode obviar que este pacto social aumenta a fractura do sindicalismo, sementa a desconfianza na clase traballadora, e ofrece para cambiar positivamente a lexislación o falso camiño da pasividade, co movemento obreiro de espectador. Esta é a mensaxe e folla de ruta errada que se transmite dende o Governo e os sindicatos que avalan o pacto. 

De pouco vale favorecer a algúns colectivos, que o merecen, se se aproveita a ocasión pra consolidar unhas regras de xogo que prexudican ao conxunto en aspectos fundamentais. Un dato, os salarios só representan na Galiza un 45% do PIB malia que os asalariados/as son máis do 81% da povoación ocupada. Ademais, a inflación do pasado ano comeu nun 7% da capacidade adquisitiva dos salarios, unha tendencia que non semella tan conxuntural. O pacto social non axuda neste aspecto, nen nos contidos nen nas formas. 

Te puede interesar