Opinión

Regresión dos 
dereitos laborais

Sen dúbida, a lexislación laboral tiña no “capitalismo avanzado” un carácter protector pra clase traballadora. Así o entenderon dende a socialdemocracia ate os keynesianos, xa que esta é a parte máis débil no mundo do traballo. Pretendíase deste xeito homoxeneizar as condicións laborais, evitar a competencia desleal e os conflitos sociais que se poderían estender ao ámbito político con graves consecuencias pras clases dominantes, e desenvolver o consumo interno mantendo o crecemento da taxa de lucro. Este modelo non foi unha concesión do capitalismo, senón que foi produto da crise do capitalismo en 1929, e do resultado da Segunda Guerra Mundial: co fortalecemento do bloque socialista, o avance dos procesos de liberación nacional, e o medre do poder político e sindical das forzas da esquerda antisistémica no centro do sistema.

A globalización neoliberal, arroupada polos avances no eido da información e da tecnoloxía, unha man de obra de reserva mundial a disposición do capital, e o cambio na correlación de forzas internacional, están facendo recuar unha a unha as conquistas no ámbito laboral, social e democrático, especialmente nos estados do centro do sistema. O argumento pra perda de dereitos sempre é o mesmo: a necesidade de ser máis competitivos e que non se poden dar prestacións cando non existen recursos. Agora ben, se analizamos o mercado laboral ollamos que o emprego é máis forte alí onde os salarios son máis altos, e que mentres se baixan salarios e prestacións esenciais, aumenta ao mesmo ritmo o lucro empresarial e os ingresos dos altos directivos e grandes fortunas. Algo terá que ver con esta situación que moitos dos dirixentes políticos foron antes ou serán despois dirixentes das corporacións. Ou sexa, que funciona a porta xiratoria entre empresa e poder político, en prexuízo das maiorías sociais. O medre da corrupción, política e empresarial, tamén debe de ter que ver con esta relación directa entre os intereses colectivos e os beneficios privados.

Neste contexto, un dos últimos retrocesos, que non o derradeiro, foi a reforma laboral aprobada hai dous anos polo Governo central, que acaba de ser referendada polo Tribunal Constitucional (TC), no relativo á perda de indemnización praos contratos dun ano “de apoio aos emprendedores”, e a avalar que non se aplique un convenio colectivo nunha empresa, ao darlle preferencia a esta sobre o sector. Acéptase así que non se aplique un convenio cando ten o voto favorábel da administración, nun órgano consultivo, como a Comisión Nacional de Convenios Colectivos. Na práctica dáselle un golpe moi forte á negociación colectiva, xa que coloca a clase traballadora nunha situación obxectiva de desvantaxe e que, sen dúbida, dará lugar a dous efectos aparentemente contraditorios, como pasou durante a existencia de governos que negaban os dereitos laborais básicos: por unha banda, que aumenten o número de empresas sen convenio, e pola outra, conflitos laborais moi longos e duros.

O TC xa avalou en febreiro outros tres aspectos máis da reforma. Estes foron: aceptar que se aprobase por decreto, a supresión dos salarios de tramitación, e a aceptación de dous tramos distintos de indemnización por despedimento improcedente (consolidando así a desigualdade de trato entre traballadores dunha mesma empresa e categoría). Neste caso a sentencia foi contraria á que se ditou en 2007 relación co decretazo de 2002. Non deixa de ser significativo comprobar como o máximo tribunal non se mantén á marxe das tendencias dominantes en cada momento histórico. Isto indica que de pouco valen os laios e reclamacións dalgúns sindicatos e partidos, xa que o fundamental segue sendo a presión social, e unha mudanza na correlación de forzas, pra garantir a soberanía nacional e un cambio sistémico.

Te puede interesar