Opinión

Resultados electorais e conxuntura política

As eleccións galegas e vascas, mesmo tendo en consideración as especificidades de ambas nacións, todo indica que son un anticipo dunha modificación máis profunda do escenario político no Estado español. Hai razóns pra que así fose, a pandemia do covid-19, a crise económica, a confrontación entre potencias, a desfeita ecolóxica, o capitalismo especulativo e delituoso, a desigualdade e precariedade, as migracións masivas, etc. Son razóns abondo pra que aumentase a participación nas votacións, porén os efectos e temores ao virus facían esperar un crecemento da abstención, como sucedeu. Ademais non era o único motivo pra que isto acontecese, sabemos que o descontente social, cando non ten canles institucionais que vexa como efectivos, refuxiase na abstención, e iso tamén sucedeu. E segue a ser un aspecto central para mudar a correlación de forzas pola esquerda.

Estas eleccións deixaron en evidencia os límites de Vox e Ciudadanos nas nacionalidades da periferia, que o PSOE non foi quen de rendabilizar a xestión da pandemia, e que a entrada no Governo de UP e as “confluencias” provocoulles un duro desgaste perdendo unha boa parte da súa base. E foi así mesmo que algunhas medidas de cobertura social se deberan á sua iniciativa, mais a xestión non foi eficaz e deixaron abertas as portas pra o despedimento, por exemplo nos ERTE. 

O PP gañou comodamente as eleccións galegas, malia que perdeu votos, porén mantivo a mesma porcentaxe e número de deputados/as. Uns resultados que contrastan cos de Euskadi onde baixa en porcentaxe e representación, amosando os efectos negativos dun discurso agresivo co soberanismo e a identidade nacional vasca. Non está tan claro que isto teña consecuencias sobre a política do PP a nivel de todo o Estado, porque Casado pode amarrarse en ambos casos ás peculiaridades de Galiza e Euskadi. Claro que esta escusa sería contraditoria cun discurso que teima en negalas ou reducilas ao anecdótico.

Sen dúbida o dato máis relevante é que o soberanismo medra tanto en Galiza como en Euskadi, especialmente aquel ligado á esquerda ideolóxica, malia que a abstención aumentou, e que tradicionalmente afecta máis á mocidade e clase obreira. O crecemento de Bildu e sobre todo o medre exponencial do BNG, fortalecen o polo soberanista en relación á acción de Governo, tanto nas nacionalidades históricas como nas institucións de ámbito estatal. E este é un dato de moita importancia nunha conxuntura na que a nivel do Estado e da Unión Europea vaise decidir que sectores e territorios vanse a potenciar, e polo tanto como se repartiran os recursos económicos, sexa vía transferencia, prestamos ou outro tipo de medidas de apoio. Tamén está en xogo quen vai pagar os custes, ou sexa, todo o relativo á fiscalidade, salario, xornada, tipo de contrato, ou sexa, que a xustiza social non quede nun segundo plano ou esmagada coa escusa de xerar emprego, como sucedeu na crise de 2008. 

Todo indica que á hora de exercer o voto na Galiza estiveron presentes dúas actitudes diverxentes, porén que teñen unha relación directa coa idade e a situación económica. Por unha banda aquelas persoas que queren conxelar as condicións actuais, mesmo que non sexan ás máis folgadas, e pola outra aquelas que teñen unha situación mala ou que pode ir a peor pra eles e a súa familia. Tamén houbo un voto ideolóxico, como obvialo, porén o fundamental destes eleccións é o tipo de resposta diante da crise, entre aqueles/as que queren conxelar o pasado e aqueles/as pra os que a única saída é o cambio. Esta agudización das contradicións e actitudes ficou reflectida con toda claridade no voto ao PP e no impresionante ascenso do BNG. E, pra alén da campaña electoral, está lectura será prioritaria no novo Parlamento galego.

Te puede interesar