Opinión

O reto de unir e dar continuidade

Os dados reflicten que a recuperación do PIB a niveis anteriores á crise económica, non modificou a regresión nos salarios, o medre da desigualdade e da precariedade laboral, nen os recortes nos servizos e prestacións públicas. Asemade, a taxa de desemprego segue ser moi alta, malia a emigración e a caída da natalidade. Neste contexto, con tan pouco futuro, é lóxico que colla pulo a conflitividade nos convenios colectivos, as protestas en contra das diferenzas salariais entre homes e mulleres, así como a mobilización dos/as pensionistas esixindo, cando menos, un ingreso mínimo digno e un aumento proporcional ao IPC dos últimos anos.

Todo indica que esta evolución diverxente entre crecemento do PIB e unha distribución cada vez máis inxusta da renda e do traballo non é conxuntural, e que crecerá no futuro, sen máis atranco que a posibilidade dunha revolta social. A esta altura xa se chegou a uns niveis de centralización do poder e da riqueza históricos, mesmo a costa da pobreza e marxinación dunha maioría da xente, da destrución de países, de migracións masivas, e nalgúns casos, como Galiza, do recuar demográfico, malia o medre da produtividade e da riqueza do país.

Resulta evidente que os avances sociais e democráticos conseguidos durante as décadas posteriores á Segunda Guerra Mundial foron, no esencial, consecuencia dunha correlación de forzas favorábel ás clases populares (países socialistas, liberación das colonias, fortaleza do movemento obreiro). Non foron consecuencia da boa vontade das clases dominantes ou dunha perspectiva na que primase, pola súa parte, a mellora das condicións de vida da xente. Estas clases estaban (e están no fundamental) centradas en gañar cartos, en acumular riqueza, en controlar a sociedade. Están cegadas pola cobiza.

Non é casual polo tanto, que o momento actual destaque polo medre das intervencións exteriores, das sancións económicas, das guerras, da limitación dos dereitos democráticos, da especulación, da corrupción, da economía delituosa, da teatralización da política e das cuestións sociais. Estes aspectos son parte consubstancial da globalización neoliberal, do capitalismo na súa etapa senil.

Non hai saídas pra clase traballadora e outras camadas populares, sobre todo nos países periféricos e dependentes (como o noso), dentro deste modelo socio-económico que reproduce a lei da selva, ou sexa: a explotación e opresión, e mesmo a destrución de algo tan esencial como os ecosistemas. Daquela que, sen ignorar a correlación de forzas, mais comprendendo o valor que ten todo avance dentro deste contexto desfavorábel, tanto a nivel de conquistas laborais, sociais, democráticas, como de soberanía nacional, o realmente transcendental é a socialización do proxecto estratéxico. Ou sexa: dos obxectivos a longo prazo, dos métodos de traballo, da política de alianzas, do carácter xeral e unificador que deben ter as mobilizacións, coa finalidade de superar o marco actual. Daquela o carácter fundamental da loita das ideas, do debate, da autocrítica, da conversión da acción sindical e política nunha escola aberta ao povo, tanto na formación como en relación a unha práctica transformadora. Este é un aspecto tan importante como os avances dentro do sistema, que son limitados e conxunturais e expostos a retrocesos, como se reflicte con toda crueza na actualidade.

Sen dúbida sería positivo que as mobilizacións a prol dun salario e traballo digno, da igualdade salarial e contra a violencia de xénero, por mellores pensións, na defensa da sanidade pública, fosen todas un éxito. Todas elas poñen en primeiro plano elementos centrais pra construción dun mundo mellor. Tamén aquelas accións que preservan a historia, cultura e lingua galega. En unir todas elas e darlles continuidade está o reto.

Te puede interesar