Opinión

Os retos do novo governo

Épositivo que o PSOE e UP chegasen a un acordo previo pra formar un Governo de coaligazón. Agora ben, pra consolidar este primeiro paso cómpre contar cunha maioría tanto pra o investimento do Presidente como pra garantir que se materialicen os orzamentos e aquelas medidas progresistas que teñan que pasar polo Parlamento. E, resulta evidente, que os apoios lexislativos necesarios están condicionados a que se atendan as urxencias sociais e democráticas, e que as nacionalidades teñan competencias que lle permitan desenvolver súa identidade e economía. Estará disposto o PSOE a dar estes pasos?

O medre das forzas soberanistas, rexionalistas e provincialistas, amosa que o centralismo non só é rexeitado polas nacións periféricas, senón que é un mal que tamén desangra a outros territorios. Non é unha cuestión que se cinga en exclusiva a cuestións de identidade, senón que ten consecuencias no económico e social, na utilización do poder pra influír no reparto do traballo e da riqueza producida. Nestes aspectos é onde a representación do BNG no Parlamento ten un valor cualitativo pra Galiza. 

É verdade que o Estatuto permitiu gañar competencias e administrar servizos fundamentais, mais a LOAPA capou a descentralización, e a entrada na UE fortaleceu o impacto da globalización neoliberal, blindando a unidade de mercado e o sector privado, dándolle poder a organismos non electos ao servizo das grandes empresas como o Banco Central Europeo e as Comisións de Competencia. Fortaleceuse a concentración e centralización da riqueza e do poder. E isto afectou moito ao noso país, malia as súas grandes potencialidades. O constante retroceso no peso demográfico e no emprego dentro do Estado español, que se manteña a emigración, é reflexo do medre do carácter subalterno na cadea de valor, e que o Estatuto non é o instrumento axeitado neste intre pra garantir o desenvolvemento.

Polo tanto, neste contexto, sería positivo que existise en Madrid un Governo máis sensíbel á cuestión laboral e social, e que aceptase un trato entre iguais no referente á problemática nacional. Son medidas urxentes: aumento dos salarios, redución da xornada, contrato fixos, pensións dignas, atender acaidamente á xente dependente, solidariedade fronte á pobreza, tratar a todas as persoas en pé de igualdade, protexer o medio ambiente, potenciar o agro e industria, respectar as culturas e linguas das nacións periféricas do Estado, a pluralidade histórica, e avanzar cara un modelo confederal. A saída represiva, cunha lectura interesada das leis, vencellando a protesta política e social co terrorismo, a ilegalización de partidos, como propón a dereita, agudizaría a confrontación, máxime cando o capitalismo esta na súa fase senil, polo que non pode evitar transformacións económicas, sociais e políticas. Serán capaces o PSOE e UP de facer está andaina?

Poñer dacordo a tantos partidos pra ofrecer unha alternativa progresista no Estado español non é doado, non só pola oposición da dereita, senón porque o capital e os poderes fácticos non queren ceder prebendas, e porque o PSOE busca as solución dentro dunha Constitución reducida por leis, decretos e sentenzas. Estes marcos, que responden a un sistema esgotado, xa non son aceptados por amplos sectores da sociedade que iran a máis. Cómpren cambios de fundo, e pelexar por unha liña distinta na Unión Europea. De non ser así, seguirá medrando a represión sistémica e agudizarase a confrontación. O centralismo globalizador e neoliberal non é solución pra disxuntiva na que está o mundo. En todo caso, será fundamental o que empurre o soberanismo, os partidos anticentralistas, e a mobilización social, pra que o Governo central realice reformas que avancen na xustiza social e no trato igualitario entre territorios.

Te puede interesar