Opinión

Riqueza e débeda amosan o precipicio

O último informe do Banco Mundial deixa en evidencia que a evolución da economía internacional segue estancada, malia que prevea pra este ano un medre do 2,5%, unha décima por riba do 2019. Ademais este crecemento debese ás economías emerxentes e “en desenvolvemento” que pasaran  do 3,5% en 2019 ao 4,1% este ano, mentres que as “economías avanzadas” recúan do 1,6% ao 1,4%, polo comportamento da actividade industrial. Outro dado que nos aporta o informe é a acumulación de débeda a nivel mundial, que pasou de ser o 110% do PIB no ano 2010 a atinxir un arrepiante 170% no ano 2018. Concretamente no Estado español a débeda pública está rente do billón de euros e a privada, de empresas e familias, chega a 1,6 billóns; ou sexa, en total o 218% do PIB. 

Vivimos hipotecados/as, ao borde do precipicio, o que reflicte onde nos levou a globalización neoliberal, baseada na produción de escala, da actividade financeira e especulativa. Unha moeda con dúas caras; por un lado a concentración da riqueza e o crecemento dos bens e servizos de luxo; e pola outra, a precariedade laboral e a extensión da pobreza, e o endebedamento como medio pra saír da poza ou chegar a final de mes. Unha bomba de reloxería, tanto no económico como no social, que se agudiza cando se prima a lei da selva: intervencións militares e sancións comerciais. Un modelo que dá folgos ás guerra, desastres ecolóxicos e revoltas sociais. Estes últimos aspectos semella que preocupan aos organismos internacionais, tal como o manifestaba no Paterson Institute de Washington a directora do FMI, Kristalina Georgieva, cando caracterizaba a conxuntura como de incerteza, e destacaba a crecente axitación en moitos países (será porque non hai escusa que xustifique a represión do povo?). 

Neste contexto de confrontación, complexo e dinámico, a resposta lóxica debería estar ligar a protección da natureza e das persoas, especialmente dos sectores máis vulnerábeis, mediante un modelo económico e social que supere o capitalismo. Un sistema autocentrado, sustentábel, xusto e igualitario, e polo tanto realmente democrático. Porén todo apunta a que se pretende aproveitar  as contradicións da conxuntura pra manter no fundamental a concentración e centralización da riqueza e do poder nas grandes empresas e potencias. Ou sexa, séguese a apostar pola globalización neoliberal con algunhas rectificacións. Daquela que se poña o acento na desfeita ecolóxica e na tecnoloxía, pra substituír algunhas actividades contaminantes ou deslocalizalas a países da periferia, mentres que outras nen sequera se debaten (transporte aéreo e marítimo, turismo de masas, grandes concentracións urbanas, etc). Daquela que se acompañe o peche de Meirama e Endesa coa merca en Marrocos de electricidade de orixe térmico, e non exista un plan de transición e garantía de creación de emprego alternativo pra esas comarcas. Unha dobre vara de medir? Depende do sector e de como afecta a cada territorio?...

O modelo laboral fragmentado e precario tamén responde a estas falsas alternativas de futuro, xa que alentan a máxima desigualdade. Daquela que non se cuestione a circulación de capitais, a  deslocalización empresarial, as migracións masivas forzadas (por falta en boa medida de solidariedade e un trato xusto aos países de orixe). Daquela que os falsos autónomos/as e os empregos dixitais sen normas quéiranse vender como parte desta nova fase, e sen contradicións coa loita a prol da ecoloxía e a igualdade de xénero. Porén, nada máis lonxe da realidade. Todos estes aspectos son parte dun modelo económico e social insostíbel e inxusto. Non será necesario pensar e axer con perspectivas de conxunto, de futuro e cunha visión planetaria, pra dar respostas como nación dende a Galiza a todos estes retos?... 

Te puede interesar