Opinión

Rusia: xigante con pes de barro?

Dise que Rusia está ao borde do precipicio, por mor das sancións occidentais, e dun réxime político despótico. Agora ben son afirmacións que contrastan co feito de que economía desta federación medrou un 2,3% no ano 2018, que a taxa de desemprego sexa dun 5% e a porcentaxe de pobreza dun 14%. Valores moi semellantes a dos Estados Unidos. Non se pode obviar que Rusia xoga un papel relevante no ámbito militar, e iso non sería posíbel sen contar cunha economía forte e unha tecnoloxía moi avanzada. Ademais, non se debería esquecer que a empresa pública ten un papel destacado na economía, seica sobre un 50% do PIB.

Cos dados anteriores, de organismos internacionais controlados por occidente, que cuestionan o discurso dominante, non pretendo poñer como exemplo a Putin e as súas políticas económicas e sociais. Porén desexo lembrar que son políticas semellantes ás que se aplican no chamado “mundo occidental”. E, asemade, quero destacar a terxiversación e a dobre vara de medir que os Estados Unidos e aliados practican pra condicionar á opinión pública mundial, coa escusa de que representan a democracia, malia que vaia asociada á inxerencia, opresión e desigualdade. 

As sancións non foron quen de paralizar a economía rusa, mais non se pode obviar que frean seu crecemento, farano cando menos durante o período que leva substituír importacións e conseguir novos parceiros, pra determinados bens e servizos no ámbito internacional. Agora ben, todo indica que Moscova foi quen de canear os seus efectos máis negativos, e as reformas que se están a realizar poden dar folgos a unha Rusia fortalecida. Ou sexa, serviron de revulsivo pra que tanto no ámbito militar, como na actividade agrícola e industrial, se lle dese pulo a unha economía máis autocentrada e sustentábel, e diversificada no comercio exterior. Serviu tamén pra poñer en marcha medidas contra a dependencia do dólar, da banca occidental, e das redes de comunicación e información controladas por Washington. Por esta razón o FMI calcula que a economía rusa medrará o 1,8% este ano, malia que se lle impuxeron novas sancións. Pra termos unha comparación, o PIB de Alemaña vai crecer o 0,5%, e ninguén fala de desfeita.

Cando se analiza a economía de Rusia, China e doutros países existe a tendencia de realizar os cálculos mecanicamente en dólares, obviando o carácter especulativo que adquiriu esta moeda e que cada vez ten menos valor como divisa de reserva e pra o intercambio internacional. Polo tanto, faise unha valoración máis axeitada da economía dun país cando a se considera a capacidade de consumo  de bens e servizos da súa povoación. E de aspectos esenciais, como a débeda externa, e sobre todo cal é o reparto da riqueza e do traballo dentro do territorio. Nomeadamente o PIB de Rusia en 2018 era de máis de 4 billóns de dólares, ou sexa, era a sexta economía do mundo. E mentres a débeda exterior do Estado español atinxe o 100% do PIB, a de Rusia é do 15%; ademais de posuír grandes reservas de divisas, especialmente de ouro.   

Tamén hai países onde a devalorización da moeda é produto da mala xestión ou submisión do governo. Porén, con respecto a Rusia, foi o duro golpe das sancións e a fuga de investidores, ademais do xogo de casino nas Bolsas en relación co rublo. Unha agresión en beneficio dos capitais especulativos e dos obxectivos xeo-estratéxicos de Washington e aliados. Polo tanto non é circunstancial, nen unha cuestión menor, que os intercambios comerciais se realicen cada vez máis en moedas nacionais, ou que se utilicen outras divisas alternativas. En resumo: non se debería desprezar a Rusia como potencia no ámbito produtivo, sobreestimando o efecto económico da caída artificiosa do valor de troque das moedas nacionais en relación co dólar.

Te puede interesar