Opinión

Saída da crise e conflito na Ucraína

Obama, coa súa estratexia na Ucraína, acaba de colocar Rusia e a Unión Europea no lugar que sempre desexou. A primeira, completamente illada na fronte occidental, e a segunda, diante dun futuro económico complexo que aumentará a súa dependencia de Washington. Claro que esta aposta alenta as tensións e adiará a saída da crise, e mesmo dará pulo ás eivas estruturais que a fixeron estoupar. Polo dagora, todo amosa que se abriu unha andaina de confrontación, máis no eido económico e da información que no militar (dado o poder nuclear de ambas potencias), que ninguén sabe onde pode rematar.

O acontecido en Ucraína foi un Golpe de Estado arroupado polos Estados Unidos e a Unión Europea. Con seguridade o que terminou sendo inaceptábel para Moscova foi que o acordo asinado entre Ianucóvich e a oposición, e do que foron garantes Alemaña, Francia, Polonia e Rusia, non fose respectado ás poucas horas de se rubricar. Era demasiado, o límite para Rusia, como confirmou Putin no seu discurso co gallo de decidir aceptar a solicitude de ingreso de Crimea na Federación Rusa. Resulta evidente que as potencias atlantistas queren ver a Rusia vencida ou submisa; que non aceptan a hipótese dunha relación entre estados soberanos en pé de igualdade. Se a isto lle sumamos o papel das forzas neofascistas na revolta de Kiev, treinadas nos países bálticos, e o papel dos medios de información, o cóctel explosivo estaba servido. A Unión Europea non podía ignorar cales ían ser as consecuencias, económicas, sociais e militares, desta estratexia. Entón, por que tivo unha actitude tan seguidista de Washington? Acaso ten Bruxelas unha dependencia tan grande dos Estados Unidos, que non pode defender os intereses da súa poboación?

As sancións económicas e de restrición do movemento de persoas e información, foron ate agora as medidas tomadas a iniciativa de Estados Unidos, seguidas axiña pola UE, e que Rusia contestou con outras semellantes, aínda que non proporcionais, marcando un ritmo propio que parece moi calculado por Putin. Porén nunha situación tan dinámica, e con tantas variábeis, encetando pola actitude da estrema dereita na Ucraína, ninguén sabe con certeza como pode derivar o conflito.

En termos estritamente económicos as sancións van afectar a ambas as partes. Mais dada a debilidade do medre na UE, isto pode significar un novo e longo período de regresión, que sería fatal para os estados periféricos, mais tamén para Alemaña que, despois de todo, coloca a maior parte das súas exportacións no resto da Unión. Ademais este ultimo país, así como Italia e Reino Unido, xunto cos países do leste de Europa, dependen do fornecemento de gas de Rusia, e a súa substitución non é nada doada. A Rusia tamén lle afectaría a guerra económica, porén a medio prazo pode substituír a Unión Europea por China, coa que xa ten asinados acordos para o envío de gas. Asemade, cómpre lembrar que as empresas rusas teñen 180 mil millóns de euros investidos no exterior, contra uns 250 mil millóns que hai investidos no seu territorio por empresas foráneas, neste caso, resulta evidente quen pode perder máis, de iniciar unha carreira de confiscación de activos.

Dada a globalización da economía, e o seu carácter neoliberal, calquera eiva ou atranco nunha parte do mundo, alargase axiña ao resto dos países. Neste caso afecta moi directamente á chamada locomotora da UE, Alemaña, aos investimentos das empresas españolas en Rusia, e ao importante numero de turistas que veñen deste país. Polo que, aínda que non atinxa directamente a Galiza, as súas consecuencias notaranse axiña polo efecto dominó. Estes son os custes da dependencia, da globalización neoliberal, da especialización económica levada ao absurdo. Daí que, como se resolva esta confrontación con Rusia, importa moito para os galegos e galegas.

Te puede interesar