Opinión

Salario mínimo

O aumento a mil euros, en 14 pagas, do Salario Mínimo Interprofesional o pasado mes de febreiro non foi ben acollido pola CEOE. Convén aclarar que se trata da paga en bruto, á que se debe descontar impostos, seguridade social, etc. e que abrangue fundamentalmente aos traballadores/as sen convenio, ou aqueles que hai moitos anos que non se renovan pola oposición patronal. Polo tanto trátase do chanzo máis baixo e precarizado da clase obreira. Agora ben, deberíase tomar nota que en troques a CEOE asinou a última reforma laboral, que implicaba melloras, mais algunhas xa estaban gañadas nos tribunais, como é o caso da ultra-actividade dos convenios. Mais, o motivo de avalar o pacto, foi que deixaba tal como estaban reivindicacións fundamentais, coa sinatura de CCOO e UGT aínda que argumentasen que se trataba dun primeiro paso, na práctica foron temas que pasaron ao conxelador. 

Lembremos que ademais da ultra-actividade primábanse os convenios de sector sobre os de empresa, mais exclusivamente en materia salarial, e que se facía cun criterio centralista obviando que os convenios de sector provinciais e autonómicos son os que garanten mellores condicións. Agochase ou quítaselle releve a que se manteñen as facilidades pra os despedimentos colectivos (ERE), o descolgue dos convenios e o abuso da flexibilidade na xornada. Ademais, rebaixouse a contía da indemnización nos despedimentos individuais, e o traballador/ra seguirá perdendo o salario mentres se tramita o despedimento, etc

Porén, indo ao tema do salario mínimo, non hai dúbida de que nun contexto de inflación tan alto e cunha desaceleración tan forte da actividade económica (próxima recesión? Canto durará?) este é un dos mecanismos pra garantir os ingresos pra que as familias atendan as necesidades básicas. Téñase en consideración que ademais o IPC non atinxe igual aos ingresos da familias, máxime neste caso no que a inflación é moito máis alta na enerxía, alimentación e vivenda. Se houbese cálculos da inflación en función dos ingresos, como se fai nalgúns países, ese diferencial estaría claramente definido. En poucas palabras neste caso hai máis razóns que nunca pra un aumento importante do salario mínimo interprofesional (que considere a inflación real na clase traballadora con menores ingresos), tamén nas pensións básicas, as axudas específicas por dependencia, desemprego, etc. 

Sen dúbida este aumento nos salarios non afecta por igual a todas as empresas, pode habelas nas que este sexa motivo pra o peche ou redución de persoal; deberíanse estudar axudas especificas nestes casos (probados). Mais non o aumento dos salarios sempre se utiliza como primeiro argumento pola patronal moitas empresas non son rendíbeis por outras razóns. A abertura e peche de empresas no capitalismo é algo normal, mesmo nas etapas de maior medre da economía, e parte da lóxica deste sistema, máxime nesta etapa de globalización neoliberal, que potenciou a centralización e concentración da riqueza como nunca antes, alentando a desigualdade de ingresos. Mesmo así a administración debe ter mecanismos de axuda transitoria a proxectos viábeis que poden estar pasando un mal momento, fortalecendo a pequena e medina empresa sempre máis ligada aos intereses e dinámicas locais. 

Ademais dun aumento consistente do SMI, que axude a saír adiante á clase traballadora con ingresos máis débiles, axudando ao consumo, co que iso implica de positivo no medre da economía e do emprego, é fundamental potenciar a negociación colectiva. Hoxe está conxelada en gran medida pola actitude da patronal e que non todo o sindicalismo utiliza o recurso da mobilización pra forzar acordos que melloren os convenios e evitar retrocesos salariais ou nas condicións laborais. 

Te puede interesar