Opinión

Os salarios e o modelo social

En concreto no ano 2021 a inflación chegou na Galiza ao 6,7% mentres que os convenios asinados ou revisados no país tiveron un medre do 2,49%, ou sexa, perderon poder adquisitivo, como volveu a suceder no ano 2022 (con datos ate o 30 de setembro), onde a inflación era do 9,2%, e a esa altura os salarios creceran o 5%. A media no conxunto do Estado español foi do 1,69% en 2021 e no período de 2022 anualizado do 2,6%. Daquela como primeira conclusión temos que a media do aumento salarial, aínda perdendo capacidade adquisitiva, é moi superior nos convenios de ámbito galego, de sector e empresa, que aqueles negociados no ámbito estatal. Un resultado que todo indica está ligado coa presión exercida antes e durante a negociación, a composición da representación sindical, e os antecedentes de procesos anteriores.

Ademais, cómpre lembrar que a inflación ten un maior efecto sobre as familias con menores ingresos, xa que é máis alta na enerxía, alimentos,... que son necesidades básicas. Por esta razón é tan importante recuperar os salarios, garantindo, ademais da máxima presión posíbel, a negociación colectiva en todos os convenios e un salario mínimo interprofesional digno que sirva de chanzo básico. Son obxectivos no ámbito laboral que deben ter unha estreita relación coa actividade política e o debate no eido das ideas, ou sexa, da hexemonía no relato.

Nos últimos meses houbo un importante aumento da conflitividade laboral, non só na Galiza, senón en toda a Unión Europea, dado que por mor da crise económica, a gran patronal e os partidos neoliberais, pretenden que a clase traballadora, autónomos/as e pequenas empresas asuman os custes do axuste. Ao que se engadiría unha redución de servizos e prestacións básicas, como sanidade, dependencia, ensino, pensións... Regresións que afectan especialmente o nivel de vida das clases populares e que contrasta co crecemento exponencial das grandes fortunas e o aumento do gasto en defensa. Son medidas que forman parte do redeseño das relacións comerciais e políticas, que alentan a confrontación entre potencias, que ademais suma o efecto negativo da desfeita ecolóxica. Esta evolución socio-económica e dos ecosistemas tan carente de futuro, esencialmente pras maiorías, ten a súa translación no ámbito político, co medre das forzas da extrema dereita, como substituto por parte do gran capital da hexemonía no relato, que teme perder.

Neste contexto de cambios estratéxicos, cara un mundo multipolar no que a rexionalización colle pulo, a mobilización social e laboral é esencial pra garantir a xustiza social, a soberanía, a paz e a solidariedade. A loita por salarios, xornadas e condicións laborais dignas, e a transformación do modelo socio-económico.

Te puede interesar