Opinión

Salvemos o planeta, sen facer trampas

Ao fío do debate nas Nacións Unidas da gravidade da situación climática fixéronse durante as últimas semans mobilizacións e actos en todo o mundo, tanto pra sensibilizar á povoación sobre a gravidade do problema, como para obrigar a governos e empresas a tomar medidas efectivas que eviten o desastre. Trátase dunha iniciativa positiva e que debe contar co apoio de todos e todas nos. Agora ben, non se debería limitar só ao aumento da temperatura, e das súas consecuencias sobre as producións e o hábitat. Lembremos que os océanos están inzados de plásticos e o lixo, mesmo o máis contaminante contaminante, amorease en moitas cidades e zonas agrarias. A vida no mundo está en perigo.

Manter este sistema económico e social, este modo de vida, lévanos ao desastre, haxa ou non Brexit, impóñase ao final desta conxuntura un mundo unipolar ou multipolar. A mundialización entendida como ditadura da economía de escala, alentou urbes xigantescas ateigadas de polución, o transporte a longas distancias, o individualismo e o consumismo. Se a isto engadimos o crecemento desorbitado da densidade de povoación no mundo, especialmente en países cun baixo nivel de desenvolvemento, malia a súa riqueza, todo indica que estamos a xogar cunha bomba reloxería. A globalización neoliberal, ou sexa o capitalismo na súa etapa senil, é insostíbel, máxime se como é lóxico en Asia, África e América Latina melloran as condicións da xente con este sistema, que se defende por todas as potencias como o único posíbel. 

O turismo de masas é insostíbel, miles de barcos xigantescos e avións percorren o mundo para levar persoas e mercadorías contaminando os mares e os ceos dos cinco continentes. O propio sucede respecto do transporte por estrada, das centrais térmicas, etc. Cómpre un plan que se cumpra, que sexa solidario, que evite que os centros de poder, mundiais e a nivel de cada estado trasladen os custes da reconversión dos modos de produción aos territorios subalternos. Iso implica que cando se pecha unha central que produce electricidade ou unha industria transformadora, hai que construír previamente emprego alternativo, máxime cando se trata dunha zona afectada por sucesivos procesos de reconversión, e a empresa a pechar ten un afecto multiplicador no emprego. Falo de As Pontes. Asemade, non se pode ignorar, que a produción de enerxía renovábel necesita, pra manter  un subministro estábel, de electricidade xerada con métodos convencionais (carbón, gas, petróleo, nuclear). Protexamos os ecosistemas, mudemos os métodos de produción e os modos de vida, mais sen facer trampas. Sen traspasar os custes aos países e clases subalternas, facendo cambios conxunturais inxustos e carentes dun proxecto estratéxico.

O capitalismo, pra alén das eivas sinaladas, tampouco dá folgos á xustiza social e á democracia, xa que é consubstancial coa explotación laboral e opresión nacional, maximiza a competencia. Polo que non deixa de medrar: a desigualdade, a precariedade laboral, as sancións e invasións, e mesmo destrución, de países considerados incómodos, a economía delituosa, a especulación, a perda de riqueza cultural e lingüística, etc. É verdade que os avances técnicos e científicos son inmensos, porén non están ao servizo de solucionar as eivas e atrancos descritos. Nomeadamente a desfeita da natureza avanza máis rápido que as solucións que se aportan. Primeiro, e ante todo, porque as grandes corporacións priman o lucro por riba do ben colectivo. Segundo, porque hai potencias que protexen e serven aos grupos económicos. Mais, a esta altura aceptar estas hipotecas, non só implica a subordinación da economía, cultura e política, e dunha clase ou/e dunha nación, senón que dá folgos a un modelo de produción e modo de vida que pon en perigo a supervivencia da humanidade.

Te puede interesar