Opinión

Sedición e Lei Mordaza

Os debates que se dan, no Congreso e nos medios, arredor da reforma do Código Penal están centrados na eliminación do delito de sedición e na modificación do texto en relación coa utilización de fondos públicos con este fin, xa que, segundo a dereita centralista, implicaría abrir a porta á ruptura do Estado español (tanto medo teñen de perder o referendo?...). Sendo a primeira das modificacións unha necesidade porque non se poden equiparar as mobilizacións sociais e unha votación aberta á toda a sociedade, nun determinado país ou localidade, un exercicio democrático básico, cun alzamento golpista, e moito menos negar que se convoque un referendo por calquera tema de importancia política e social polas institucións do territorio afectado. O Estado pode logo cuestionalo e non aceptar os efectos prácticos dos resultados, aínda que debería. Reprimir un dereito tan básico e á xente que participou, que en este caso foron millóns, e meter en prisión posteriormente aos/as organizadores, non respecta a vontade popular e reflicte unha democracia eivada, produto da imposición.

A substitución do “delito” de sedición polo de desordes públicas agravadas estende a súa aplicación a todo tipo de mobilizacións e accións non só as propiciadas polas institucións. Esta é a razón pola que máis dunha ducia de organizacións galegas manifestaron a súa oposición a este aspecto da reforma o pasado mércores en todas as cidades galegas. Destacan no seu comunicado que: “a actual regulación de desordes públicas xa é de gran dureza. O tipo básico, que se mantén na proposición da Lei Orgánica, sanciona con penas de seis meses a tres anos de prisión a comisión deste delito (...) Formas de expresión da protesta social e política son, por tanto, criminalizadas e poden ser sancionadas penalmente, máxime tendo en conta o habitual comportamento da xudicatura do Estado español, de maneira que moitas accións de protesta cívicas e pacificas (ocupacións, encadeamentos, cortes de vías públicas...) agora poderían ser duramente sancionadas”.

Neste aspecto con esta reforma consolidase e amplíanse os efectos regresivos da tan rexeitada “Lei Mordaza”, denuncian as organizacións convocastes da protesta. Lembrando que dende a súa vixencia foi aplicada con especial dureza contra a mobilización política, laboral e social, deixando en evidencia que seu obxectivo era restarlle mecanismos de presión ás clases explotadas e nacionalidades oprimidas, diante de todo tipo de aldraxes, eivas e situacións indignas, poñéndolle novos atrancos a un reparto máis xusto do traballo e a riqueza producida. Estas organizacións que rexeitan este apartado da reforma, coido que con toda a lóxica, e deberían ser escoitadas, salientan ademais que: “o emprego excesivo de conceitos xurídicos xenéricos vai en detrimento do principio de legalidade e posibilita a arbitrariedade na criminalización de accións que forman parte do dereito de protesta, de accións habituais, que sempre foron empregadas pra conquista de dereitos sociais, políticos e laborais”. 

En relación coa nova tipificación das “desordes públicas”, o deputado do BNG, Nestor Rego, é contundente: “O delito de sedición debe ser derrogado, non substituído polo delito de desordes públicas agravadas que o que fai é penalizar un dereito democrático fundamental como o dereito de manifestación, o dereito de protesta”. E respecto das penas por malversación engade: “cómpre unha penalización elevada pra aqueles casos de corrupción, con lucro persoal ou de terceiros (...) e despenalizando aqueles que non correspondan ao combate contra a corrupción senón de alternativas políticas”. Polo que votou en contra da lei, xa que non se fixeron estas rectificacións que son fundamentais pra participación social. 

Te puede interesar