Opinión

Seica temos máis cartos, e non nos decatamos

Arenda por persoa en Galiza xa atinxe o 90,1% da media do Estado español (EE), cando no ano 2008 era do 87,4% (en Madrid xa é do 135,1%). Mais, o PIB galego segue invariábel dende o ano 2000 no 5,2%  do EE, e a povoación baixou ao 5,8% dende o 6,7%. Polo tanto, todo amosa que este tipo de noticias non se contextualizan. Se cadra coa pretensión de crear falsas expectativas de mellora nas condicións de vida das maiorías, que despois nunca se confirman, porque non existe base económica e faltan as políticas apropiadas. Trátase dun xeito subliminal de crear consenso social, alentar a pasividade, e consolidar o sistema e os grupos de poder aos que lle é funcional. 

O razoábel sería analizar a que se debe este crecemento no ingreso medio, e que consecuencias ten pra o País, por exemplo, respecto da xeración de emprego, dos salarios, do retroceso demográfico. Sería lóxico reflexionar sobre estes temas, máxime cando este medre na renda das persoas correspondese no tempo cunha forte emigración, especialmente da mocidade. O informe sobre “mobilidade xeográfica” do ano 2017 indica que saíron da Galiza, contratados, 32.718 traballadores/as máis que as que entraron doutros territorios do Estado.

O medre do ingreso medio por persoa non está asociado a unha mellora das condicións laborais, dos salarios, da oferta de emprego (lembremos que hai 52.000 familias onde ningún membro ten emprego). Entón, non será que este crecemento da renda por persoa, sendo un dado estatístico, en realidade é ficticio en termos de progreso social, xa que se corresponde cunha caída da povoacion e unha consolidación da pobreza? Ou sexa, sería como se nunha familia de catro persoas vaise un dos que menos gañan, polo que a media sube, mais ren muda, porque non se produciu un cambio nos ingresos dos outros tres. No caso galego é consecuencia da liquidación dunha gran parte do mundo rural, sen que se debata un plan serio de recuperación destas áreas. Ao que debemos sumar os/as desempregados urbanos. Por este motivo o PIB galego non medra en porcentaxe respecto do total do EE, como sería lóxico, tendo en conta o número de habitantes e potencialidade do País.

Sen dúbida a chegada de inmigrantes dálle azos ao argumento de que as cousas non van tal mal, xa que non poucas desas persoas elixen o noso País (o que implica unha contribución, e ao mesmo tempo un medre da man de obra de reserva e dunha maior segmentación do mundo do traballo, dando lugar a novos retos nas loitas obreiras). Porén, na realidade este avance na renda media non evitou o crecemento da desigualdade, por mor da alta taxa de desemprego e subemprego, dos abusos e da falta dun control efectivo (horas extras que non se pagan e cotizan, falsos autónomos, uberización, bolseiros...). Mais tamén a causa de leis que dan azos a este recuar (reforma laboral, lei mordaza e artigo 315.3 do CP)

A esta altura sería lóxico, xa que superamos en termos de PIB o retroceso orixinado pola crise, que houbese máis persoas ocupadas e aumentasen os ingresos do factor traballo. Porén, ao analizarmos a participación no PIB do traballo e do capital vemos que dende 2008 até 2016 os salarios perderon 4,4 puntos e as rendas do capital e mixtas gañaron 1,9. Como consecuencia da caída e dunha maior presión fiscal sobre os salarios. Neste último caso pra compensar os ingresos públicos que deixou de aportar o capital, por exemplo, pola diminución do imposto de sociedades. Esta tendencia a subir a renda media por persoa tamén se deu en Madrid, Cataluña, Aragón e País Vasco neste período, mais en ningún deles recuou a povoación como na Galiza. Non terá que ver co carácter subalterno da nosa economía, e a dependencia noutros aspectos? As mesmas medidas en distintas realidades provocan diferentes resultados e respostas.

Te puede interesar