Opinión

Ser pobres traballando

O boletín sobre o “Observatorio de la negociación colectiva” editado polo Ministerio de Traballo do mes de novembro, deixa en evidencia a regresión nas condicións de traballo, alentadas polas reformas laborais, tanto do PSOE na etapa de Zapatero como do PP con Rajoy. Entre elas a eliminación da ultra-actividade na negociación colectiva, contribuíndo a reducir o número de persoas abranguidas polos convenios. Ademais é unha das causas de que a subida salarial pactada estea por debaixo do medre da inflación. Concretamente este ano o aumento medio nos convenios, en todo o Estado español, é do 1,7% mentres que a inflación atinxía o 2,9% (en ambos casos referido aos primeiros dez meses do ano).

A isto hai que sumar unha maior presión fiscal, e un medre dos prezos dos bens e servizos básicos. Evidentemente este retroceso é proporcionalmente  maior naquela franxa da clase traballadora con salarios máis baixos, que é inmensa maioría, e ten un consumo máis básico. Daquela que se fale popularmente de ser pobres traballando. 

Outro aspecto a termos en conta deste informe é que, no período 2005 a 2018, os convenios de sector provinciais e autonómicos teñen un aumento salarial por riba dos de carácter estatal, un ámbito que  defenden tanto as grandes centrais sindicais españolas como a patronal. Este diferencial positivo tamén se dá respecto aos convenios de empresa. Os datos son unha proba do que hai décadas o sindicalismo nacionalista galego ven afirmando: os convenios de ámbito estatal, pola dimensión territorial, a falta de tradición de loitas conxuntas, e a actitude do sindicalismo estatal tan propenso ao pacto, termina restando forza e eficacia á acción reivindicativa.

Véxase os pobres resultados das folgas nos convenios deste ámbito, pra alén das teorías, das escusas e da verborrea. Pola súa banda os convenios de empresa fracturan a unidade e debilitan á clase traballadora, e só en determinadas circunstancias, en empresas moi grandes ou con actividades moi especificas, conseguen superar os de sector provinciais e autonómicos. Temos un exemplo nos convenios asinados até setembro deste ano na Galiza, os de sector tiveron unha suba do 1,91% e os de empresa do 1,3%.

Existe unha recuperación da mobilización. Con vitorias importantes, como a que conseguiron as traballadoras do sector de elaborados do mar, ou a dos traballadores das auxiliares de Navantia no Ferrol coa inclusión no convenio do metal provincial. Porén, non se pode ignorar, que sen eliminar as reformas antiobreiras da negociación colectiva será imposíbel mudar radicalmente a tendencia actual en relación coas condicións laborais, agás en situacións moi especificas e despois de conflitos moi duros.

Por iso, é incomprensíbel que, malia a súa promesa electoral e ao comezar o mandato, o PSOE non dera aínda os pasos necesarios pra botar abaixo estas reformas regresivas, así como a Lei mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal, que son medidas coercitivas pra frear a loita a prol de melloras pra clase traballadora . 

Un aumento do salario mínimo a 900 euros mes e con 14 pagas ano é un paso acertado. Se o aproba o Consello de Ministros este mes. Mais isto só afectaría a un estrato das/dos asalariados. É verdade que se trata da franxa máis castigada. Porén, se os custes da medida cárganse sobre o resto dos asalariados e asalariadas, e  especialmente sobre os 2/3 que non chegan aos dous salarios mínimos (1.414 euros brutos mes en 2017) estaríase espremendo aos de sempre, fortalecendo a desigualdade e a concentración da riqueza. Os atrancos antes comentados, así como todo o referido ás pensións, dependencia, temporalidade, ás ETTs,... son medidas urxentes que o PSOE pode tomar de inmediato. Esperemos que non quede en promesas, e na práctica pese máis a xente que a Bolsa.

Te puede interesar