Opinión

Sindicalismo e política no Uruguai

O Uruguai, onde por certo emigrou tanta xente da Galiza, é unha das poucas nacións onde existe unha central sindical única de traballadores/as. Non é por imposición do governo, senón como consecuencia da experiencia histórica da clase traballadora dese país, que comprobou as vantaxes da unidade, malia que existan dificultades pra conservala nos momentos de maior confrontación. Evidentemente, a unión só se pode garantir na práctica partindo dunha premisa: manter a independencia de clase, sexa cal sexa o partido no poder. Mais a PIT-CNT non é imparcial respecto dos proxectos políticos, por iso chama a votar nas eleccións pola “Frente Amplia”. Aínda así, cando a fronte está no governo, a central sindical non deixa de utilizar a mobilización pra empurrar ou premer ao Executivo. 

Como claros exemplos do uso da presión como unha necesidade pra o movemento obreiro, o PIT-CNT convocou o 22 de xuño un paro de varios sectores, e outro cun carácter xeral o 20 de xullo.  Ou sexa, que a tensión co Executivo vai en ascenso. As reivindicacións sindicais atinxen directamente as áreas da responsabilidade do Governo. Así é coa esixencia dun maior investimento no ensino público, que se pide chegue ao 6% do PIB. Ademais, reivindicábanse outros temas máis transversais, como o relativo á negociación colectiva e melloras salariais. O secretario xeral da central sindical, Marcelo Abdalá, dixo que o Governo violou de forma consciente as leis laborais ao non ter en consideración os ámbitos de negociación, en referencia a actitude do ministro de Economía, Danilo Astori. 

O semanario El Popular analiza estas diferenzas dentro do bloque progresista como algo normal, mesmo necesario, nunha actitude ben distinta á que existe na concepción da acción política partidista no noso país. Di este semanario en editorial, en relación coa folga do 20 de xullo: “Por suposto que hai contradicións dentro do bloque dos cambios, que é político e social pola súa forma e democrático e radical polo seu contido. Hai diversos intereses e perspectivas sociais e políticas. É unha construción dialéctica, dinámica, se lles soa demasiado marxista, en permanente desenvolvemento. Non hai que se asustar das contradicións, estas son o xeito natural do desenvolvemento social; as contradicións existen obxectivamente, exprésanse como propostas e organización, é dicir  fanse subxectivas, e xeran síntese política e social, unha realidade nova, que, como é obvio, pode ser de avance ou retroceso”.  

Agora ben, o modelo de sindicato único, aínda que historicamente sexa un obxectivo estratéxico da esquerda, non é reproducíbel en todos os países neste intre. Por exemplo na Galiza, podería mesmo significar un retroceso pra o movemento obreiro, porque permitiría consolidar na súa dirección unha hexemonía con posturas centralistas e que non cuestionan o actual sistema económico e social. Porén, o que paga a pena analizar, pola súa efectividade no Uruguai, é o modo de xestionar as contradicións e as relacións entre o sindicalismo e outras organizacións de masas, e as forzas políticas de esquerda. Algo esencial, máxime ao termos en consideración que nesta etapa, estas últimas están moi centradas na actividade institucional, en todo o mundo. 

Nos resultados compróbase que as folgas e mobilizacións sindicais non prexudican a Fronte Ampla, que vai polo seu terceiro período de governo. En cambio, evitaron a privatización dos sectores básicos (contra o que sucedeu nos países da rexión), e permitiron mellorar as condicións laborais e os servizos públicos esenciais, actuando como contrapeso á presión da patronal e dos poderes externos. Todo isto redundou nun aumento significativo da afiliación sindical e da fortaleza do movemento obreiro, e polo tanto da construción de poder popular. 

Te puede interesar