Opinión

Siria, lembranza e dura realidade

A finais do mes de novembro de 1994, hai 25 anos, estiven en Siria en representación da CIG pra participar do 12 Congreso da Federación Sindical Mundial (FSM). No evento estiveron presentes 132 organizacións sindicais de todo o mundo. O encontro realizouse nun complexo moi moderno, próximo ao aeroporto internacional da cidade de Damasco. A organización do congreso e a atención foron moi profesionais. Ademais das reunións en comisións e plenario, houbo unha recepción por parte do Governo, á que asistiu o primeiro ministro, se non lembro mal.

No Congreso da FSM en Damasco visualizáronse as diverxencias da CGT de Francia, que xa se manifestaran no Congreso de Moscova, catro anos antes (no que tamén participei). Asemade destacou a iniciativa dos sindicatos da CEI, especialmente de Rusia, que ademais presentou un documento moi interesante valorando as razóns da caída da URSS. Mentres que Siria e Cuba procuraron atopar puntos de converxencia entre as distintas tendencias. Como resultado, unha gran renovación dos organismos de dirección.

Aproveitei os tempos mortos do Congreso pra visitar o centro histórico da cidade, incluída a impresionante mezquita omeya, a muralla e o zoco, e ademais realicei unha viaxe á cidade de Palmira (Tadmor), que me ocupou todo un día. Naquel momento Damasco desbordaba vida e variedade de oferta, especialmente o zoco. Este estaba cheo de tendas e de persoas vestidas dunha morea de formas distintas, segundo a súa identidade étnica: árabe, curda, armenia, circasiana... Non había moita presenza policial visíbel, aínda que todo facía pensar que existía un control efectivo sobre a oposición, tendo en consideración a conflitividade militar na zona e a potenciación do islamismo radical por parte das potencias rexionais antagónicas.

As ruínas de Palmira eran impresionantes, mi preto da cidade e do oasis. No museo local conservábanse pezas do período grecorromano. O guía ofreceunos a posibilidade de escoitar nunha aldea próxima a persoas que aínda utilizaban o arameo, ou sexa, un idioma en desaparición que empregou Xesucristo. Parte desta riqueza arqueolóxica, especialmente en Alepo, foi destruída polo Estado Islámico ou vendida a museos e especuladores de arte das grandes potencias. Serán algún día devoltos a Siria? Ou seguirase a utilizar a escusa da escasa valoración democrática do Governo, feita a partir dos intereses e a realidade occidental, pra xustificar a expropiación do patrimonio cultural. No ano 2017 un estudo consideraba que un 30% do patrimonio perdido (dun total de 950 obras) debíase ao saqueo, outro 24% a escavacións ilegais, e só un 20% sería por mor dos combates.

Mesmo que o Governo sirio non sexa exemplar (poucos o son), os ataques que se realizan contra a súa soberanía atentan contra as normas máis elementais de convivencia, e que se arroupe aos grupos radicais da oposición é moi grave. Máxime se as accións terroristas son auspiciadas directamente ou a través das potencias rexionais ligadas á OTAN. Tampouco se pode aceptar que tropas de Estados Unidos, Francia e Reino Unido, ocupen dun xeito ilegal o territorio (non semella casual que sexan as zonas petroleiras). Estas accións, ademais das sancións que impiden que o país desenvolva normalmente o comercio exterior, non axudan á reconstrución, a terminar coa inestabilidade, a permitir o retorno das persoas forzadas a se refuxiar no exterior, e a instaurar a normalidade.

Quérense impoñer normas e criterios a Siria que sexan funcionais aos intereses das potencias occidentais, mediante o uso da forza, militar e económica, os falsos ataques químicos e a información manipulada. O terrorismo está derrotado en Siria, e a división do país só se pode manter coa presenza militar ilegal e permanente de Estados Unidos.

Te puede interesar