Opinión

SMI e reforma laboral, disputas e realidades

Como tratar a cuestión monárquica e outros aspectos sociais, como os alugueiros e a inmigración ilegal, e o relativo ao salario mínimo serían neste intre os temas de fricción entre o PSOE e UP. O tempo dirá canto hai de verdade nesta análise e canto de que cada un cumpra un papel, xa que son proxectos cunha escasa base que se superpón, e que defenden un relato centrado nun sector social máis moderado no PSOE, e máis radical en UP sen rachar os límites do capitalismo. 

Se houbese unha división de papeis pactada, aportaría unha aparente situación de inestabilidade conxuntural, que co tempo asumiríase como normal pra unha coaligazón, e axudaría nas alianzas circunstanciais co soberaninsmo. Tamén evitaría que o PSOE perdese a unha parte considerábel da súa base progresista e españolista, así como de UP aquela que se reivindica cosmopolita e libertaria. Se non fose deste xeito terían razón aqueles que ven á coaligazón rota e co tempo xogando a prol da oposición. Asemade, non se debería esquecer que a dereita ali onde governa realiza unha escenificación semellante, malia que teña un proxecto político moi distinto.

Agora ben, que existise un pacto de lexislatura no que se aceptan as diverxencias, no que se inclúen as medidas e posturas a defender como governo, non implica que non haxa friccións, porque unha cuestión é a teoría e outra a práctica, máxime cando non existe experiencia previa. Tampouco se pode esquecer que hai un aspecto esencial pra soldar a alianza, que a ruptura implicaría que o governo pase a mans de opcións políticas situadas en moitos temas nas antípodas (aínda que todas sexan sistémicas), ao que se suma a enorme dose de descualificacións e ataques persoais. 

Fixen esta referencia previa porque non penso que as diferenzas entre o PSOE e UP terminen rompendo o Governo. Atoparan un acordo que deixe medio contentes a todas as partes da coaligazón. Por exemplo, un incremento do SMI do 1,8%, pra non tratar peor aos traballadores/as do sector privado con salarios máis baixos que ás pensións mínimas. Ou mesmo superando esta porcentaxe e conxelando na práctica a derrogación da reforma laboral, contando co veto da patronal. Porque, sendo fundamental o aumento do SMI, se por exemplo atinxise os 1.150 euros, o 60% do salario medio (como esixe a CIG), xa que abranguería aos sectores laborais menos organizados e máis precarizados (sempre que se cumpra coa xornada do contrato), non se pode obviar que a reforma laboral deulle un marco de disputa moi favorábel á patronal. Un punto de partida moi negativo pra clase traballadora, xa que o convenio a ferramenta pras melloras laborais e a organización.

Polo tanto, o SMI e a negociación colectiva, esta especialmente nos convenios de referencia, marcan en boa medida a dinámica do reparto dos ingresos entre o traballo e o capital. No caso do SMI e no sector público o avance dependerá da presión da clase traballadora sobre o Executivo, máxime tendo en consideración as características deste governo de coaligazón. Tamén na empresa privada a mobilización é necesaria pra conquistar melloras nas condicións de traballo, aínda que a situación económica xeral e sectorial sexa un aspecto a valorar, xa co obxectivo da patronal sempre será o de optimizar o excedente (lucro). SMI e convenios son mecanismos fundamentais pra contrarrestar a precariedade e a desigualdade, que lembremos é consubstancial co capitalismo. Aos que cómpre engadir o reparto da presión fiscal sobre o traballo e o capital, e o valor dos servizos e prestacións públicas. 

Canto aumente o SMI será un indicativo de até onde chega o compromiso do actual governo coa clase traballadora, porén a cuestión esencial é a derrogación de reforma laboral e da lexislación que limita a acción sindical.

Te puede interesar