Opinión

Sobra ou falta emprego?

Aínda que non é a primeira vez, nos últimos meses a patronal do naval, da construción e outros sectores argumentan que lles falta man de obra cualificada. Ou sexa, que coidan necesaria a chegada inmediata de inmigrantes pra evitar así unha paralización dos sectores afectados, dramatizando respecto do que este déficit implica pra o conxunto da economía. Lendo esta noticia chocoume, sabendo que un 12% da povoación activa na Galiza está no desemprego, e que a emigración da mocidade é unha lacra dramática que afecta o equilibrio demográfico. Ademais, en sectores como a construción hai máis de 14 mil persoas rexistradas no paro que traballaron nesta actividade.

Evidentemente poden existir comarcas onde o déficit sexa real, mais a oferta deberíase estender ao resto de Galiza, como primeiro paso. E, en caso de seguir faltando profesionais, formalos inmediatamente, pra certas actividades non levaría tanto tempo. A menos que o que se pretenda sexa importar man de obra barata, carente de vinculación co entorno, e polo tanto sometida a todo tipo de arbitrariedades laborais.

Dirase que a afirmación anterior é só unha hipótese, mais na práctica está avalada pola constante degradación de salarios e condicións do mercado laboral (temporalidade, horas extras que non se pagan, falsos autónomos...). Non é polo tanto unha especulación absurda, máxime cando se recorre á inmigración, ou a empresas subcontratadas no exterior de países, con salarios máis baixos e que veñen co seu propio cadro de persoal. Non é un aspecto secundario, porque só existe plena garantía de que se cumpra a lexislación e convenios colectivos alí onde as centrais sindicais teñen presenza. Daquela que  non sexa unha casualidade que os inmigrantes constitúan un dos colectivos cunha taxa moi alta de pobreza no Estado español, malia a verborrea sobre a solidariedade impóñense as solucións simplistas. 

Os estudos indican que a pobreza atinxe ao 59,1% das persoas desempregadas; o 40,6% das familias monoparentais; e o 39,2% da inmigración provinte de Europa e o 52,1% da orixinaria do resto do mundo. Polo tanto os/as inmigrantes son unha fracción importante da clase traballadora máis explotada. Tampouco se pode ignorar que contribúen a manter alta a taxa de man de obra de reserva, co que isto implica como atranco pra obtención de melloras pra o conxunto dos asalariados e asalariadas. Como se administra o emprego e a inmigración non é unha cuestión menor, nen pra analizar á lixeira. Non se trata só de abrir as portas, senón de que as persoas que cheguen vivan en condicións dignas, e que non aumente o desemprego e pobreza; que por certo, abranguería como primeiras vítimas aos inmigrantes que chegaron antes. 

É un tema sobre o que paga a pena matinar e debater, pra ligar axeitadamente xustiza e solidariedade, fuxindo de analizar o país como se fose unha finca de terratenentes do século pasado. Hai obrigacións da comunidade con todas as persoas que viven na Galiza, e con aquelas que naceron aquí e víronse forzadas a marchar e desexan retornar. Non se pode falar da cuestión migratoria como se fose unha mercadoría, sen ter en consideración que se trata dunha traxedia, que racha familias, hipoteca os anos de mocidade, e implica que haxa países que perden unha boa parte das persoas máis cualificadas, necesarias pra o desenvolvemento. Cómpre poñer o acento en rematar co comercio exterior entre desiguais, e coa imposición de modelos económicos e políticos que implican roles subalternos na escada de valor. Ao mesmo tempo, cómpre axudar en tecnoloxía e investimentos estratéxicos. Se cadra faltan médicos por mala planificación, porén alargar este déficit a sectores da produción ten moito de oportunismo e dá pulo á desigualdade e marxinación.

Te puede interesar