Opinión

Solidariedade ou reordenamento estratéxico?

A pasada semana o Presidente do Governo valoraba o custe da pandemia nuns 140 mil millóns de euros a esa altura, unha cantidade que coincidiría coas transferencias e prestamos que seica lle corresponderían ao Estado español segundo a proposta da Unión Europea, que acaba de presentar no Parlamento Úrsula von der Leyen. A contía total sería de 750 mil millóns de euros, un 50% superior ao pactado por Francia e Alemaña. Deles 500 mil millóns serian transferencias a fundo perdido e 250 mil millóns prestamos; semella que deste xeito pretendese contentar aos governos que valoraban algo a solidariedade e aqueles que todo o supeditan ao ámbito das relacións económicas. 

Sobre este total, segundo algunhas axencias, é que ao Estado español corresponderíanlle 77 mil millóns en conceito de transferencias e 63 mil millóns en prestamos, aínda que outras fontes rebaixan estas contías. En todo caso, malia que as primeiras reaccións do Governo español son optimistas, sobre todo porque as expectativas eran malas, xa que os Países Baixos Austria, Dinamarca, Suecia, Finlandia... estaban dispostos a bloquear as transferencias. Agora ben, non se pode obviar que a cantidade barallada é a metade da que consideraba necesaria o Estado español e outros países pra recuperar a economía e manter a taxa de emprego. Ademais, aqueles estados máis afectados pola pandemia seguramente terán que recorrer ao tramo dos prestamos, suxeitos a seguir as prioridades orzamentarias da UE.

Sendo verdade que o vaso xa non está baleiro, atopase lonxe de estar cheo, tanto porque estas cantidades non serian suficientes pra superar a pandemia, como porque estas axudas vanse executar nun período moi longo (2021-2027), o que contrasta coa urxencia por mor da crise económica e do desemprego. As propostas a UE aínda serán en outubro. Asemade, o Estado español e outros países da UE terán que recorrer aos prestamos, que están suxeitos a contra prestacións. Neste aspecto non se poden ignorar os antecedentes como o da crise de 2008, malia que o discurso inicial foi alentador logo concretouse en duras medidas de axuste impostas pola Troica. A menos que, os estados necesitados de máis axudas, só acepten as transferencias e recorran ao mercado pra obter recursos suplementares. Evitaríase deste xeito as condicións da UE a costa de pagar xuros máis elevados? A mellor solución sería aumentar os recursos mediante unha fiscalidade máis xusta. Por exemplo, eliminando as rebaixas impositivas ás grandes empresas e fortunas, gravando a especulación na Bolsa e garantindo o cobro de impostos ás empresas dixitais (hoxe intocábeis, polas presións de Estados Unidos), etc. 

Non se pode obviar que a proposta da Unión Europea coincide no tempo coa desescalada, co chamamento a abrir as fronteiras pensando no turismo, así como cos efectos económicos e sociais máis negativos da pandemia e da confrontación entre as grandes potencias. Nun mundo cada vez máis partillado (desglobalizado?) todo indica que a UE quere alentar ámbitos económicos menos expostos a Estados Unidos e China. Esta actitude, en principio positiva, non ten porque favorecer ao noso país, a menos que o Governo galego teña un plan propio de desenvolvemento pra esta nova etapa que negocie co Estado Español e a Unión Europea. E iso implica contar con mobilización social e o respaldo de partidos, sindicatos, patronal... Un proxecto de desenvolvemento que debería apostar polo sector primario e industrial, a investigación e dixitalización, servizos eficientes e cultura. E construír unha rexión económica común co norte de Portugal e as áreas próximas de Asturias e Castela León, buscando ampliar o consumo e a capacidade produtiva, a fin de dar folgos á centralidade, pra superar o papel secundario que hoxe temos na cadea de valor.

Te puede interesar