Opinión

Superación da crise ou unha redefinición da UE

Semella que case que todos os países están contentes polos resultados do Consello da Unión Europea reunido durante varios días a pasada semana. Así o expresou de modo moi expresivo tamén a coalizón de Governo do Estado español (EE), co recibimento dos triunfadores realizado a Pedro Sánchez na Moncloa, esta satisfacción sobre os logros tamén se manifestou polos principais partidos sistémicos da oposición e pola patronal. 

As centrais sindicais e os partidos soberanistas de esquerda, en distinto grao, foron máis cautos ao facer a súa valoración e amosaban preocupación sobre como ía afectar os programas europeos actuais, como o de cohesión, e respecto dos condicionantes que se poidan impoñer dende a Comisión Europea en materia laboral e de pensións. Lembremos que as reformas laborais impostas ao abeiro da crise do 2008, debilitaron a negociación colectiva e primaron os convenios de empresa fronte aos de sector, foron impulsadas pola Unión Europea, como parte da receita pra superar a crise. 

Polo tanto, é razoábel que exista preocupación en amplos sectores da clase traballadora e do pequeno empresariado, xa que sería tremendamente grave que a crise orixinada polo covid19 se resolvese coa mesma folla de ruta que a anterior. Ou sexa, utilizando a maior parte dos recursos públicos pra sanear empresas en beneficio exclusivo do capital privado, coa escusa de salvar o emprego, a costa de baixar salarios, reducir os servizos e prestacións sociais básicas, e aumentar a presión fiscal sobre o consumo e os ingresos medios. Esta aparente ”solución” aumentou a desigualdade social, a precariedade e a taxa de pobreza, e destruíu emprego neto, xa que creceu a xornada laboral real e a produtividade. Un dato clarificador, ano ano 2009 os salarios representaban un 48% do PIB galego e en 2017 só o 43,8% ¡4,2 puntos menos! A debilidade actual pra confrontar a pandemia ven destas políticas de axuste social, que mantiveron o consumo a costa do endebedamento das familias e a sobre explotación. 

Outro aspecto que non se pode obviar, e que ademais está estreitamente ligado ao anterior, xa que constitúen as dúas bases históricas pra acumulación de riqueza e poder, e o reaxuste territorial que se alente dende Bruxelas e Madrid do tecido produtivo, e polo tanto o papel que cada territorio xogue na creación de emprego e na cadea de valor. O retroceso demográfico do noso país no EE, a redución da diversidade produtiva agraria e industrial, e a merca por capital foráneo das empresas máis dinámicas, tamén foron parte do axuste realizado ao abeiro da crise de 2008. Este debería ser un aspecto esencial pra o empresariado galego, sempre que funcionase como tal, do que teño miñas dúbidas. Aínda que hai excepcións, como en todo. Porén estas non marcan a tendencia hexemónica.

Pra alén do debate durante estes días, no que cada estado intentou quitar o máximo, todo fai pensar que detrás deste cambio de postura de Merkel hai un proxecto de Unión Europea pras vindeiras décadas, pactado con Macron. Se cadra porque o mundo estase partindo en bloques antagónicos, que Estados Unidos ten cada vez unha postura máis imperativa cos seus socios, ou porque a desfeita ecolóxica forza a outro tipo de economía e a unha mobilidade limitada. Esta suma de feitos obrigarían a unha redefinición estratéxica do papel da UE, e á necesidade dunha maior integración rexional. Se fose así, estariamos diante dun proceso que excede a superación da pandemia, e que vai condicionar o futuro de Galiza. Neste aspecto: cal é o plan da Xunta, pra alén de que nos dean a parte proporcional das axudas? Cales son os sectores que se van a potenciar? Como se van  manter e ampliar as competencias? Cal é o proxecto de país?

Te puede interesar