Opinión

Tele-traballo, realidade e especulacións

Todo fai pensar que o Governo central non lle vai meter man á derrogación da reforma laboral, a Lei Mordaza, e o artigo 315.3 do CP, malia que sexan medidas tomadas pra que retrocederan os salarios e medrase a precarización. O mal sabor de boca quérese compensar ampliando os ERTEs, regulando o tele-traballo, e eliminando a uberización e os falsos autónomos/os. A escusa sería a pandemia e a urxencia de recuperar a economía. Deste xeito o Governo buscaría contar co apoio da patronal e os sindicatos en certos temas, tamén de Ciudadanos, a fin de seguir a liña marcada pola UE pra poder contar cos fondos europeos, e ao mesmo tempo xustificar a falta de avances nas cuestións de máis calado en materia laboral e fiscal. 

Neste contexto coido que se deben colocar as actuais negociacións sobre a regulación do tele-traballo entre o Governo, patronal e o sindicalismo sistémico, que sen dúbida é un paso necesario e positivo. Dise que xa hai acordo sobre o tempo de traballo non presencial necesario pra que se considere tele-traballo, xa que se aceptou a proposta patronal dunha xornada mínima na casa do 30%. Entre os aspectos que se van a regular están: que sexa voluntario; a flexibilidade da xornada; que a empresa pague a totalidade dos gastos e poña os medios; o dereito a desconexión dixital; e os medios pra que as empresas controlen o tele-traballo. No sindical supón un reto de conexión co resto do persoal.

Sen dúbida hai actividades relacionadas coa xestión, tanto na empresa privada, como no sector público que poden ser feitas a distancia, tamén as relacionadas co deseño e a creación en moitos ámbitos. Asemade, a dixitalización permite que a distancia física en moitos postos de traballo non sexa un impedimento, xa que se pode manter o contacto permanente coa sede da empresa ou entre aquelas persoas ligadas a unha tarefa ou proxecto. 

Se analizamos as cifras sobre o tele-traballo temos que no ano 2018 realizaban a xornada laboral dende a casa un 4,3% da povoación ocupada no Estado español, un 5% en Alemaña, o 6,1% en Portugal, e un 14% nos Países Baixos, que tiña a porcentaxe máis alta da UE. Son datos que nos dan unha idea da situación na nosa contorna. No Estado español no ano 2019 as persoas ocupadas que realizaban o traballo na casa, cando menos a metade dos días da semana, representaban na Galiza o 5,5%. A cifra máis alta correspondía a Asturias cun 6,6%, e máis baixa en Navarra co 3,9%. Un estudo considera que un 22,3% das persoas ocupadas poderían realizar tele-traballo, claro que pra iso suma o 100% das persoas directoras e xerentes e o 59,9% das técnicas e profesionais, científicas e intelectuais. Cifras que sería moi difícil de atinxir, máxime en actividades nas que a presenza semella esencial, aínda que se poda evitar. 

Hai moitos traballos que se poden realizar dende a casa, mesmo dise que aumenta o rendemento, ademais das vantaxes que poder ter respecto da conciliación da vida laboral e familiar. Tampouco se pode obviar que a pandemia do covid-19 impón manter as distancias entre as persoas, tamén nos centros de traballo. O tele-traballo representa unha alternativa en moitas actividades e situacións, e pra moitos colectivos. Mais, a porcentaxe de persoas realizando as tarefas nos centros de traballo ou tendo este como base cotiá seguirá sendo maioritario. Pensemos na actividade agraria e pesqueira, na industria e construción, e na maior parte dos servizos, como a hostalería, comercio e limpeza; e nos que teñen un carácter público, como a sanidade, ensino, dependencia. Que se utilice en maior medida a robótica e dixitalización, que aumente o traballo a distancia, non implica que o presencial deixe de ser o habitual ou esquecer que unha parte terá un carácter misto. 

Te puede interesar