Opinión

Tempos de mobilización

Sen dúbida o éxito da manifestación de Madrid, esixindo melloras na sanidade pública, que se suma a protestas masivas en Alemaña, Francia, Grecia, Bélxica, Chequia, etc, tanto polo deterioro dos servizos públicos, como polo aumento do custe de vida, e o crecemento da desigualdade, precariedade e a pobreza na Unión Europea, amosa unha etapa de agudización das contradicións sociais e da loita de clases. Non se trata de que non houbese conflitos a moreas, por exemplo hainos no país galego nos últimos anos, senón que estes estaban fragmentados en reivindicacións e accións locais, sectoriais mesmo de cada empresa. Polo que as mobilizacións poucas veces tiñan un carácter xeral e masivo, máxime cando os medios sistémicos non son propensos a darlles moita acollida ou un papel destacado.

A inflación comeu unha importante parte dos salarios, e os aumentos nos ingresos e a recuperación dos servizos e prestacións sociais que se conseguiron foron moi cativos ou inexistentes, cando non houbo mobilización, malia as expectativas sempre prometidas polos governos sistémicos. Agora ben, esta situación contrasta cos avances que se conquistaron ali onde houbo unha dinámica de paros e manifestacións. Polo que a sociedade tirou conclusións do acontecido, mudou o estado de ánimo, dando folgos ás accións de protesta. Un salto cualitativo en toda a UE que tamén é cada vez máis evidente na Galiza. Máxime cando hai precedentes tan positivos como as folgas do metal na Coruña e Ourense. Nas que axudou a unidade sindical, e que a nacionalista Intersindical teña unha estratexia que acompaña a negociación colectiva da maior mobilización posíbel, pra obter así os mellores resultados, non só no ámbito económico e das condicións laborais, senón tamén no fortalecemento da acción sindical e da conciencia de clase, ou sexa cunha perspectiva de futuro. 

Neste marco é no que se deben situar as mobilizacións convocadas pola CIG o día 29 de novembro, en 14 cidades e vilas, e o BNG o 18 de decembro en Compostela. Ambas as dúas organizacións nacionalistas poñen o acento na perda do poder adquisitivo de salarios, nas pensións e axudas públicas, por mor da inflación que atinxe moi especialmente á enerxía, alimentos, alugamentos... ou sexa, atinxe moi duro aos sectores sociais con menores ingresos. Ao que cómpre sumar o deterioro dos servizos públicos esenciais, moi particularmente a sanidade, a dependencia, etc. Concretamente o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, salienta que “a carestía da vida, aínda que xa estaba presente antes da guerra, agravouse desde o seu inicio, acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza, cunha inflación descontrolada, prezos de electricidade e combustíbeis que non baixan e produtos de primeira necesidade que soben a prezos desorbitados. E o grave problema que supoñen pra sectores como o gandeiro ou o pesqueiro, golpeado polo veto á pesca da Unión Europea”.

Non se pode obviar que ficamos nunha conxuntura histórica complexa na que se decide: tanto se o imperialismo acepta a diversidade do mundo como os límites ecolóxicos, demográficos, e de modo de vida,... e se as solucións son solidarias e dun trato entre iguais, ou todo se basea na lei do máis forte. Polo que a aposta por un proxecto que asegure a paz implica tanto as relacións de igualdade entre nacións (con ou sen estado) como a xustiza social. E pra iso é necesario aceptar que a esta altura non hai saídas reais, polo tanto duradeiras, se o que se pretende é reproducir a ruptura entre bloques, na procura de conseguir a asfixia do contrario. 

Nunca coma hoxe o concreto estivo tan vencellado ao xeral, e o local ao mundial. Daquela que mobilizacións coma as do 29-N e 18-D, e outras que se realicen, serán (deben ser) parte do proceso de cambio. Do que a Galiza non pode estar á marxe. 

Te puede interesar