Opinión

A trampa das saídas intermedias

Nunha entrevista, Hans Werner Sinn, presidente do centro de estudos alemán IFO, que asesora a Merkel, suxire que Grecia debe saír do euro “pra se recuperar”. Engade que debe facelo sen abandonar a Unión Europea, e retornar á eurozona cando supere a actual situación, adiantando que iso podería ser “unha década despois”. En poucas palabras, as clases dominantes europeas, e non só as alemás, prefiren pagar os custes políticos de que Grecia deixe o euro, antes que modificar as políticas de axuste. Ten a súa lóxica, xa que o axuste permitiulles impor unha mellor correlación de forzas, e polo tanto aumentar a taxa de lucros e ter garantido no futuro seguir dando pulo a esta tendencia.
Werner Sinn valora que a situación de Grecia, e do resto dos países do sul da UE, é consecuencia directa de que non poden competir coas nacións do norte de Europa, moi avanzadas tecnoloxicamente, e de que “o sul de Europa debe agardar a que os salarios dos países do leste se igualen en nivel (...) haberá que esperar unha década ou máis pra paridade”. Ou sexa, supedita a solución dos retrocesos laborais e sociais e o desemprego á competencia cos estados do leste, e desbota que se lles poda gañar espazo aos do norte da Unión. Esta saída parte da premisa dunhas condicións laborais e sociais máis baixas que as actuais, ou cando menos a súa conxelación, e ignora que a entrada de novos estados reforzaría esa tendencia á baixa.
A outra opción, a de que aumenten os salarios nos estados do norte, tampouco tería unha repercusión inmediata, se non se igualan os salarios do sul e leste. Mais, esta hipótese non semella verosímil. A negociación de tratados de libre comercio cos Estados Unidos, Canadá e outros países, implica novos competidores, tanto en salarios como en tecnoloxía, e isto tanto pra os países do sul e leste da Unión como pra os do norte. Neste caso, só existiría como mecanismo pra competir, manter a deflación social e laboral e xogar co valor da moeda, xa que se suprimirían os aranceis ao comercio exterior. Ademais, ¿por que os países do norte ían aumentar os salarios, cando iso significaría unha rebaixa da taxa de beneficio, daría un maior poder á clase traballadora, e implicaría perder cota de mercado dentro da UE?
Todo indica que Werner Sinn apunta a un futuro retorno de Grecia ao euro como parte da leria discursiva, mais sabe que non existe ningunha garantía. Esta proposta intermedia parece ter a finalidade de buscar unha saída onde se asegure o control das clases dominantes europeas sobre Grecia coa permanencia na Unión, a través dos moitos mecanismos existentes: aranceis, normas e directrices, etc. A queda dos prezos da enerxía e a perda de valor do euro diante do dólar favorece o aumento da competitividade de todos os países da UE, mais a maior parte do comercio exterior é intracomunitario, polo que a vantaxe ten un límite. Tampouco se pode esquecer que neste intre a maioría dos países están a desvalorizar as súas divisas pra aumentar a competitividade. Daquela que calquera vantaxe competitiva nestes termos é moi conxuntural, especialmente cando a iniciativa se toma polos estados máis poderosos.
En resumo, neste contexto, dado o grao de globalización, e o proceso de centralización e concentración, non parece posíbel que os países da periferia desenvolvida podan competir sen degradar constantemente as condicións de vida das clases populares. A outra alternativa, a que distribúe os custes sociais e socializa os avances económicos, pasa por rachar ao máximo as amarras cos centros do capitalismo recuperando soberanía. E, no caso concreto de Grecia, iso significa a saída da UE, e a nacionalización de sectores como a banca, enerxía e telecomunicacións. Claro, que pra iso fai falla proxecto alternativo, folla de rota e vontade.

Te puede interesar