Opinión

Trump deixa marcado o terreo de xogo

As últimas decisións de Trump buscan manter baixo o foco a súa figura no futuro escenario político, como consecuencia da investidura de Biden o vindeiro 20 de xaneiro. Atrevemento non lle falla, tal como se viu cando hai uns día bloqueou o plan contra a crise aprobado polo Congreso, sinalando que os orzamentos do Pentágono favorecían a países estranxeiros. E ademais esixindo que se elevase o pago único de 600 dólares a 2.000 aos contribuíntes polos estragos do covid-19, recollendo así unha proposta que defendeu o “esquerdista” Sanders, e á que fundamentalmente se opuxeron os republicanos. O Congreso rectificou, permitíndolle a Trump arrouparse nos últimos instantes do seu mandato como unha persoa sensíbel aos máis golpeados. Unha escenificación que contradí as políticas sociais que aplicou durante a lexislatura. 

Cunha acción contraposta á anterior hai unhas semana converteu o Sáhara Occidental nunha moeda de troque co obxectivo de que Marrocos restablecese relacións diplomáticas con Israel. Como parte do paquete Rabat adquiriu armamento a Washington por valor de mil millóns de dólares. Lembremos cos EEUU ten dende 2008 unha base militar neste país, que axe de cabeceira pra toda África (Africom) en Tan Tan, cidade de dez mil habitantes, na súa maioría saharauís. 

Esta iniciativa de Trump consolida a ocupación e conxela o referendo de autodeterminación do Sáhara occidental, e ignora as resolucións da ONU. Asemade, afecta os intereses de Alxeria, que mantén desde a súa independencia un conflito con Marrocos pola definición das fronteiras. Porén, todo indica que a principal razón pra esta actitude sobre o Sáhara occidental é, ademais de fortalecer ao seu principal socio no norte de África, incidir sobre a correlación de forzas no Oriente Próximo favorecendo ao Estado Israelí, que considera un socio estratéxico pra seus intereses imperiais. Hai poucos meses os Emiratos Árabes Unidos tamén estabeleceron relacións con Israel, grazas á “mediación” de Washington. Lembremos que con Trump os EEUU recoñeceu a Xerusalén como capital do Estado de Israel, e aos altos do Golán como territorio de seu, malia que son de Siria e foron ocupados na guerra dos seis días de 1967 e anexados en 1981. 

Polo tanto non se poden considerar estas decisións de Trump como arroutadas despois dunha derrota electoral non asumida, senón que forman parte dunha estratexia, pra alén da escenificación que fixese de cada tema, e mesmo que as últimas decisións fosen precipitadas pola derrota electoral. Polo tanto, por riba dos intentos de Trump pra seguir como figura de referencia, deixando patente a súa iniciativa e atrevemento, hoxe dende o poder e maña dende a oposición, explotando non só as diverxencias con Biden senón tamén as contradicións dos demócratas, que non son poucas, que ademais deixar marcado no posíbel o campo de xogo. 

Ou sexa, Biden vaino ter complicado, tanto se mantén no esencial as políticas de Trump con algún matiz, como se as mudanzas que pensa facer son máis fondas. Por exemplo, pra recuperar aliados e distender os conflitos militares e económicos coas potencias emerxentes e países que rexeitan un papel subordinado. Polo de agora o “demócrata” só se pronunciou claramente contra a retirada de Trump do acordo do clima de París, mentres que botou balóns fóra respecto das sancións a Rusia e China dicindo que estudaran o tema. No tema iraní seica é partidario do acordo nuclear, aínda que buscaría inxerir cambios. É dicir: quere aproveitar como punto de partida todo o que forzou Trump no eido económico, militar e político. Resulta evidente que cada medida que tome en este sentido tensa o mundo, porén tamén ao povo e ao poder económico e militar dos USA... Trump deixa sementado un camiño de minas. 

Te puede interesar